Site icon Crónica3.com A Mariña

Adega destaca na revista Cerna o éxito nos tribunais contra a construción dunha planta de acuicultura en Ribadeo

SANTIAGO .- Adega publica un novo número da revista Cerna, de medio ambiente e ecoloxía, correspondente á edición de inverno. O número 60 de Cerna destaca o éxito de ADEGA diante dos tribunais, logo de catro anos de loita, contra a construción dunha planta de acuicultura en Ribadeo, no LIC das Catedrais

Nota de Prensa

A XUSTIZA COMEZA A TOMAR EN SERIO AO MEDIO AMBIENTE GALEGO

ADEGA publica o número 60 da Revista CERNA de medio ambiente e ecoloxía, correspondente á edición de inverno

Compostela, a 5 de febreiro de 2010. A presente edición presenta na capa unha balanza, símbolo da Xustiza, que nos últimos meses pesou máis do lado da protección medioambiental que da banda dos intereses especuladores e privados. Varias sentenzas favorábeis á defensa e protección do patrimonio natural de Galiza constatan este feito, como as que declaran ilegais o proxecto da piscifactoría de Acuinor en Rinlo, espazo de Rede Natura; os recheos efectuados no Porto de Marín en dominio público marítimo-terrestre; ou a localización  dos depósitos de hidrocarburos no peirao do Ferrazo.

O número 60 de Cerna destaca o éxito de ADEGA diante dos tribunais, logo de catro anos de loita, contra a construción dunha planta de acuicultura en Ribadeo, no LIC das Catedrais, constituíndose na primeira resolución xudicial que aplica as normativas europeas sobre conservación en Rede Natura en Galiza. ADEGA asegura que esta resolución xudicial podería sentar precedente para a preservación doutro espazos de similares características, como Cabo Touriñán, tamén LIC e coa presenza de hábitats prioritarios. Esta presenza ponse de manifesto nun artigo do profesor da USC, Xabier Amigo.

Pero non todas son boas novas para o medio ambiente galego. A Xunta aproba a nova lei eólica coa que flexibiliza as consideracións ambientais do anterior Decreto Eólico, agora derrogado. Cerna 60 analiza comparativamente as distintas regulacións galegas do sector eólico aplicadas no País e repasa, a través dun artigo de dous investigadores da Universidade de Vigo, os impactos negativos que os parques eólicos teñen efectuado nos espazos protexidos galegos.

Alén das seccións fixas da publicación, este número complétase cun abano diverso e interesante de temáticas que atenden á ordenación do litoral, á saúde ambiental, ao patrimonio cultural ou a outras terras.

Exit mobile version