Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo asina un convenio con Medio Rural para arranxar camiños nas parroquias de San Román e Rúa

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, asinou este mediodía en Lugo un convenio co conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, sobre Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural 2009-2010 (PEIM) para desenvolver traballos de acondicionamento en distintas pistas rurais do termo municipal.

As actuacións incluídas neste acordo teñen un orzamento de 80.407,94 euros e desenvolveranse nos seguintes camiños rurais:

o Vilastrofe-Alleira (San Román)
o O Vedral-A Granda (Rúa)
o Lombas-Casmaio (Rúa)
o Machuco-Ruela (Rúa)
o Vieiro-Carballa (Rúa)
o Freixo de Arriba (Rúa)
o Cristo-A Ruela (Rúa)

En concreto actuarase nunha lonxitude total superior aos 3.000 metros e as obras consistirán en tarefas de roza e limpeza dos camiños, o acondicionamento das súas cunetas e taludes, e o seu posterior asfaltado. Está previsto que os traballos den comezo na vindeira primavera.

O alcalde, Alfonso Villares, valorou moi positivamente esta achega económica “porque contribuirá a dignificar e mellorar a calidade de vida dos veciños que reside nestas zonas” e indicou que o Concello continuará a traballar para que a mellora destes sete camiños do rural cervense “se poda estender en vindeiras datas ao resto de pistas do nosos termino municipal”.

Os PEIM Rural 2009-2010 son uns proxectos nos que colaboran o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Consellería do Medio Rural co fin de levar a cabo actuacións en materia de desenvolvemento rural e establecer un marco xeral de cooperación onde se definan as liñas xerais de colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas rurais.

Vixencia do Convenio

A duración deste convenio de colaboración ten efecto dende o presente día da súa sinatura ata o 31 de decembro do 2010.

Exit mobile version