Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo inclúe unha fase do saneamento de Trasbar no Plan de Cooperación 2010

CERVO .- O Concello de Cervo incorpora a primeira fase das obras do saneamento da parroquia de Trasbar dentro do Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal do 2010 (POS).

Nota de Prensa

O CONCELLO INCLÚE A PRIMEIRA FASE DO SANEAMENTO DE TRASBAR DENTRO DO PLAN DE COOPERACIÓN DO 2010

* O investimento desta actuación, de máis de 54.000 euros, consistirá  na construción dunha estación de tratamento e dunha rede de colectores de PVC, que conducirán as augas residuais desta parroquia

* O Goberno municipal cumpre así unha das súas principais apostas estratéxicas: o achegamento a todos os núcleos rurais da rede de saneamento

Cervo, 27 de febreiro de 2010.- O Concello de Cervo vén incorporar a primeira fase das obras do saneamento da parroquia de Trasbar como proposta municipal para ser incluída dentro do Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal do 2010 (POS).

O investimento desta primeira fase supera os 54.000 euros. As obras consistirán na construción dun tramo da rede de colectores, a instalación de pozos de rexistro con tapa de fundición e a instalación dunha estación depuradora, nunha caseta de nova construción que tamén servirá para albergar a maquinaria e o pozo para toma de mostras.

O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, subliñou que deste xeito “poñemos fin pouco a pouco a un déficit en materia de infraestruturas que se estaba a dar nesta parroquia e cumprimos unha das principais apostas estratéxicas do Goberno municipal: o achegamento a todos os núcleos rurais da rede de saneamento”.

Aposta decidida

O Concello de Cervo vén de executar nos últimos anos un importante esforzo na mellora e xeneralización da rede de saneamento en todo o seu termo municipal especialmente aquelas que, “recibidas como herdanza do anterior goberno socialista, que privatizou o servizo municipal de augas, se atopaban nun estado obsoleto, presentado múltiples deficiencias”. Os investimentos nesta materia está sendo unha aposta decidida do Goberno local.

Así  por exemplo, reforzouse o cadro de persoal da brigada de obras encargada das reparacións e mantemento de toda a rede de colectores tanto de augas residuais como da rede de augas potables. Xunto a iso, acometéronse os saneamentos dos núcleos de poboación de Gondrás, A Venta e O Guioncho, con cargo aos anterior plans de cooperación.

A estas actuacións hai que engadir tamén outros proxectos máis ambiciosos que se están a levar adiante nestes momentos como a rede de abastecemento conxunta para os municipios de Cervo e Burela e o saneamento integral de San Ciprián que inclúe a construción dunha estación depuradora de augas residuais.

Exit mobile version