Site icon Crónica3.com A Mariña

Efeméride veciñal

Os focenses acabamos de celebrar unha efeméride da vida veciñal. Trátase da 50 xuntanza para reclamar a dotación ó noso pobo dun servicio de urxencias sanitarias as 24 horas do día. É certo que o obxetivo aínda non se alcanzou, pero a experiencia serve para constatar dúas evidencias: o traballo incansable, serio, honesto e altruista da Plataforma pola Sanidade focega e, como contrapartida, o déficit de vergoña e de dignidade dos políticos, locais e autonómicos, que teñen ou tiveron competencias na área sanitaria do país. Ou sexa, todos. E decimos isto non porque a demanda non fose xa resolta favorablemente ós intereses veciñais, que algunha recóndita explicación podería ter, senon ó proceso que ó longo de mais de oito anos non foi senon unha sucesión de actitudes e comportamentos, insólitos e amorais, e mesmo insultantes, idénticos,  dos partidos no concello: PP, PSOE e BNG. Os tres burláronse a cotío da cidadanía, utilizaron as mesmas mentiras e falsedades, igoal cinismo, dobregándose todos iles ós intereses puntuais dos seus domadores, en función do estatus que en cada intre ocupaban, (goberno ou oposición), e menospreciando, sen consideración, ó pobo e ás súas xentes. É decir, exercendo un humillante servilismo partidista. Hai quen cre que “non todos os políticos son iguais”: neste caso a teoría, posiblemente ben intencionada, derrúbase polo seu propio peso; ¡igualiños!. O incumprimento da palabra dada, común a todos eles, utilizada só como cebo á captura do voto, fala da falta de consideración e de respecto que para as xentes da política merecen os cidadáns: “Os políticos son capaces de prometer unha ponte onde non hai río” , como dixo a escritora Elvira Lindo.

“Fartos de promesas electorais incumpridas, dous pobos turcos boicotearán as eleccións próximas”, según no seu día noticiara a Axencia Efe. “Prohibida a entrada ós políticos”, rezaban senllos carteis ás entradas de Kusdagi e Vanh. Os seus alcaldes, que ó parecer están cós veciños, decrararon: “Non queremos que ninguén nos engañe mais. Non votaremos ningún partido, mentres os nosos problemas non sexan solucionados”.
Suso Fernández

Exit mobile version