Site icon Crónica3.com A Mariña

Encontro de socios do Banco de Tempo de Burela para valorar as actividades realizadas

BURELA (FNC) .- A praza de abastos de Burela acollerá a partires das sete desta tarde un novo encontro dos socios do Banco de Tempo.

A técnico Vanesa Rodríguez sinala que “no local que alí ten o Concello imos facer unha xuntanza de entroido cos socios do Banco de Tempo para xuntarnos e para cambiar impresións sobre as actividades que realizan. Será unha merenda na que cada un aportará o que queira, uns levarán rosquillas, outros levarán orellas e outros doces típicos do entroido. É unha maneira sinxela para xuntarnos, falar e coñecernos máis. Nesta ocasión tamén estarán os nenos da Cruz Vermella, é outro xeito máis de relacionarnos”.

A crecemento do Banco de Tempo de Burela “vai pouco a pouco porque é complicado. A xente ten ocupado o seu tempo con traballo e con actividades de lecer, pero pouco a pouco imos conseguindo contar con novos socios e eu estou moi contenta por este motivo”, explica Vanesa Rodríguez. A técnico de Banco de Tempo explica que “os membros do Banco intercámbianse de todo, van buscar receitas médicas, axudan ás persoas maiores, lévanlle a compra ás persoas que non poden saír da casa, están dispostos a cumprimentar impresos administrativos á xente maior que non sabe facer isto, un dos nosos socios estanos a impartir un curso de informática… son cousas moi variadas”.

Vanesa Rodríguez anima “aos veciños de Burela a unirse a este Banco de Tempo, é unha experiencia bonita… hai moita xente neste momento que precisa axuda, é unha boa forma de relacionarse porque hai moita xente que non sae da casa, que non se preocupa por facer cousas… aquí estamos tentando facer un curso de ioga en breve totalmente gratuíto. Penso que o Banco de Tempo é tamén unha forma de comunicación”.

Exit mobile version