Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente de Ribadeo continúa programando cursiños gratuitos de condución eficiente

RIBADEO (FNC) .- A pasada semana tiveron lugar en Ribadeo os primeiros cursiños gratuitos de condución eficiente deste ano 2010, que contaron cun grande éxito de participación que, a falta doutros tres días que se impartirán o 22, 23 e 24 de marzo, supera xa a do 2009. A Axencia de Sostibilidade agradece a todos os participantes o seu interese, e resalta en particular a implicación da Asociación de Minusválidos Físicos A Mariña, así como a do Parador de Turismo de Ribadeo.

Desde a Axencia de Sostibilidade, dependente da Delegación de Medio Ambiente, “aproveitamos para recordar aos interesados que, a maiores dos devanditos días do vindeiro mes de marzo, desde a Fundación Sotavento amósanse dispostos a impartir os cursos a grupos de oito persoas en calquera data, mesmo domingos e festivos, pola mañá ou pola tarde, sempre antes do mes de maio”. Os interesados en participar deben dirixirse á Axencia de Sostibilidade do Concello de Ribadeo, no número de teléfono 982 120 701 ou no seguinte enderezo electrónico: sostibilidade@ribadeo.org.

Exit mobile version