Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde anuncia que as obras do saneamento de Cervo e Figueirido comezarán antes do verán

CERVO .- O Concello de Cervo anuncia que as obras do saneamento de Cervo e Figueirido comezarán antes do verán e que representantes da empresa adxudicataria visitaron o trazado por onde está previsto que discorra a nova rede de sumidoiros.

Nota de Prensa

AS OBRAS DO SANEAMENTO DE CERVO E FIGUEIRIDO COMEZARÁN ANTES DO VERÁN

* Técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria das obras estiveron a percorrer xunto co alcalde, Alfonso Villares, o trazado por onde discorrerá  a rede de sumidoiros
*

Cervo, 18 de febreiro de 2010.- No mediodía de hoxe o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, visitou xunto con técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria das obras de saneamento de Cervo-Figueirido o trazado por onde está previsto que discorra a nova rede de sumidoiros, así como o lugar onde irá situada a depuradora que dará servizo a esta área do termo municipal.

“Estivemos perfilando cal vai ser o trazado definitivo e tamén fixamos sobre o terreo a situación máis axeitada para ubicar a estación depuradora de augas residuais” sinalou o rexedor cervense. Alfonso Villares indicou que esta visita dos técnicos ten por obxecto redactar o proxecto de execución definitivo da obra. De cumprirse os prazos dados hoxe polos técnicos ao rexedor cervense o proxecto de execución podería estar rematado a principios de maio “e as obras poderían estar en marcha antes de que se inicie o verán” adiantou Villares.

O alcalde aproveitou tamén a visita dos representantes do ente autonómico dependente da Consellería de Medio Ambiente para desprazarse con eles ata o lugar de Figueirido para inspeccionar un tramo que foi afectado polas chuvias torrenciais de hai un mes e que non está incluído dentro desta obra de saneamento “co obxecto de atopar unha solución definitiva para esta zona, a cal presenta unha dificultade importante debido á orografía por onde terían que pasar as tubos da rede” recoñeceu o alcalde.

Para o rexedor, a estadía hoxe en Cervo dos técnicos de Augas de Galicia e dos representantes da empresa adxudicataria das obras “é unha ledicia porque significa que ditas obras serán unha realidade en breve co conseguinte beneficio para todos os veciños da zona, os cales, poderán disfrutar dunha infraestrutura que, a pesares de non estar á vista, dende o goberno local consideramos prioritarias para o bo desenvolvemento do noso municipio e por iso estamos a facer especial fincapé en levar adiante este tipo de obras”.

Proxecto

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou o pasado mes de xaneiro as obras dos colectores xerais e a estación depuradora de augas residuais  do Concello de Cervo á empresa Ute Vivendas e Obras Civís-Passavant, por un importe de 1.174.999 euros.

Desta maneira, Medio Ambiente a través de Augas de Galicia, financiará  o cento por cento da obra. Esta actuación foi aprobada no Consello da Xunta do pasado 8 de outubro e licitada a finais dese mesmo mes.

Así, levarán a cabo diversas actuacións para resolver a carencia da rede de saneamento de Cervo e Figueirido, así como as verteduras de augas residuais sen depurar ao Río Xunco, un problema que se resolverá coa construción dunha nova depuradora que beneficiará a máis de 1.500 habitantes.

A estación depuradora estará situada nunha parcela de 1.425 metros cadrados e terá un caudal de 290 metros cúbicos por día. O prazo de execución das obras establecido por Augas de Galicia é de 26 meses.

Exit mobile version