BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela valorou de xeito positivo o encontro que mantivo esta mañá cos propietarios dos locais de ocio nocturno da vila. Todos tentarán facer compatible a diversión co descanso das persoas. Alfredo Llano fíxolles entrega dun extracto da normativa que deben cumprir.
O rexedor contou ao remate que “falamos de todo, da súa actividade, da convivencia cos veciños… todo o mundo deu a súa opinión e comentamos todas as incidencias de xeito cordial. No encontro acordamos tentar que o ocio sexa perfectamente compatible co descanso das persoas”.
Llano anunciou que “imos facer unha serie de medicións en todos os locais para saber si cumpren cos decibelios establecidos no novo regulamento que temos aquí no Concello de Burela. Deben ser 40 decibelios en horario diurno e 35 polas noites, dependendo de cómo estean insonorizados nos seus locais pode ser maior ou menor, entón imos tomar esas referencias claras para logo levar adiante as melloras necesarias. Tamén consensuamos que todos deben abrir e pechar á mesma hora máis ou menos, tal e como está reglamentado e queremos que cumpran con cuestións coma a doble porta que deben ter este tipo de locais e nos que sexa necesario que conten cunha persoa na porta para controlar quen entra e quen sale”.
Propietarios de pubs e alcalde tamén falaron de que “todos aqueles locais que estean nunha comunidade de veciños que sexan eles mesmos (os propietarios destes establecementos) os que se acheguen, falen e consensúen posturas con eles para evitar a presentación de denuncias e chegar a unha mellor convivencia. Desde o Concello apoiamos as súas actividades de ocio para que os nosos xóvenes non se vaian de marcha de Burela e que se vexa que existe responsabilidade e profesionalidade e que se abra e se peche de acordo coa normativa. Entre todos queremos convivir con armonía respetando aos locais de ocio e tamén o descanso dos veciños e veciñas de Burela”.
O alcalde agarda manter en breve tamén un encontro cos propietarios das cafeterías e dos restaurantes de Burela.