Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo pídelle á voceira municipal do PSOE maior “tolerancia”

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosou o seu malestar ante constatación de que o Psoe ten convertido “o insulto, a descualificación persoal e a crispación” en estratexia de oposición.

Segundo Villares, os “insultos” da voceira socialista criticándoo por querer coñecer de que xeito están a afectar as obras de mellora da estrada Vilastrofe-Burela nos vías de competencia municipal “son o reflexo da súa falta de democracia e de educación política”. Valorou de “carentes do mínimo respecto á institución á que represento” as expresións vertidas por Méndez nos medios de comunicación e lembroulle que os alcaldes, “como cargos públicos e máximos representantes de todos os veciños dun municipio”, están facultados para inspeccionar calquera tipo de obra que atinxa aos bens e ao patrimonio do concello.

Na súa opinión, as manifestacións da representante socialista só buscan crispar “e enrarecer” á opinión pública e lémbralle que non é necesario chegar aos insultos personais para defender as posicións políticas”.

“Se pensa -afirmou aludindo á voceira do Psoe- que vou deixar de preocuparme para que as obras públicas no meu concello se fagan ben, está moi equivocada porque non so teño dereito, se non a obriga de velar en todo momento para que os intereses do conxunto dos cervenses, incluído os dela, non sexan violados. Pensaba que era algo básico que xa debería saber, pero polas súas manifestacións vexo que non é así e non está de máis que llo recorde”, dixo.

O rexedor cervense reiterou así mesmo que o escrito remitido ao ente provincial coas deficiencias das obras da estrada Vilastrofe-Burela refírense “exclusivamente” a eivas relacionadas con vías de titularidade municipal. “Foi feito con ánimo construtivo para que a Deputación as tivera en conta e poder así arranxalas antes de que a obra quedara finalmente rematada”. Ademais, lembrou que nas súas declaracións públicas ao respecto felicitouse pola conclusión da obra “e salientei que fora unha actuación onde dous gobernos provinciais de distinta cor política contribuíron na súa materialización” recordou.

“En todo caso -asegurou Villares- nesta obra os que careceron de calquera tipo de respecto institucional foron os representantes políticos da Deputación, xa que en ningún momento se dirixiron ao Concello para informar do que tiñan programado facer e como o ían a desenvolver. Por iso, como máximo representante do pobo, e ante a carencia de respecto institucional, teño que ver, cos técnicos do meu concello, como se desenvolven estas estas ou calquera obra que se faga no termo municipal”.

Maquinaria da Deputación
Alfonso Villares tamén se referiu ás criticas de Méndez sobre as zonas elixidas polo Concello para que a maquinaria da Deputación desenvolva os seus traballos dentro do termo municipal. Para o alcalde, as declaracións a este respecto da socialista “déixana en evidencia” e amosan “que está máis preocupada por que os veciños vexan as máquinas da Deputación que polo traballo que están facendo”.

“A motoniveladora provincial que temos estes días no concello está facendo traballos en pistas forestais como sempre fixo cando dispuxemos dela e son traballos que este concello agradece. Outra cousa moi distinta é o que pretendía esta señora, que xa o primeiro día que chegou coa maquinaria non se lle ocorreu máis que meter a motoniveladora sen previo aviso nunha pista municipal da parroquia de Castelo e estragou o muro dun particular que despois tivo que arranxar o Concello” dixo.

Por último, o alcalde de Cervo asegurou que o equipo de Goberno local continuará traballando para que no termo municipal se executen máis obras públicas que redunden en beneficio do concello “e pese a quen lle pese, seguiremos a ser todo o escrupulosos e rigorosos que haxa que ser para que esas obras se fagan ben, porque para iso nos elixiron os veciños

Exit mobile version