Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia “o estado deplorable que presentan os accesos á capela de San Caetano”

Barreiros, 4 de febreiro de 2010. O BNG de Barreiros denuncia o estado deplorable que presentan os accesos á capela de San Caetano. Antonio Veiga alerta que a zona podería quedar incomunicada e pídelle ao alcalde que acometa os arranxos necesarios para evitar que isto poida producirse.

Os nacionalistas critican o estado que presenta toda a rede viaria en Barreiros, pero sobre todo os accesos á capela de San Caetano e á área recreativa daquela zona en Celeiro de Mariñaos. Antonio Veiga asegura que “levan un ano e tres meses cortados desde as riadas de novembro de 2008. Naquelas datas unha tromba de auga, pero debido sobre todo ao mal estado das cunetas, ocasionou que se crease unha bolsa enriba dun treito da pista que fixo que se derrubase. E desde daquelas están cortados os accesos desde o sur, unha situación que se agrava na zona norte, que está nun estado lamentable, dado que por alí pasan os camións que traballan as obtras de construcción da autovía”.

O grupo municipal do BNG advirte que “estamos a piques de deixar incomunicada unha zona como é San Caetano, onde ademáis se está a traballar na construcción dun establecemento hoteleiro. Nós entendemos que a situación é grave e así llo fixemos constar ao alcalde no último  pleno e a resposta foi que xa se irá arranxando ao longo do 2010. É o mesmo que dixo no 2009 e seguimos igual e o cabreo entre os veciños é maiúsculo porque consideran que esto é unha tomadura de pelo. Vendo o que gasta o Concello, os orzamentos, determinadas partidas e o pouco que lle adica á rede viaria e ao seu mantemento é para alarmarse”.

Veiga Outeiro considera que “hai que tomar medidas urxentes nesa zona, porque ademáis por onde se produciu o derrube pasa toda a rede de abastecemento de auga que sube da potabilizadora de Celeiro de Mariñaos ata o depósito xeral. Si se producira outro derrube podería haber unha desfeita en caso de que rompesen todas as tuberías de subida e de bombeo de auga. Creo que o alcalde está a tomar este asunto á lixeira, é un tema importante e non sei si ten algo contra esta parroquia, pero a súa intención non é solucionar este asunto e eso é o que lle esiximos no pleno. O malestar entre a veciñanza cada día aumenta”.

Exit mobile version