Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio inaugura en Viveiro a exposición colectiva “Olladas de mulleres, visións desde A Mariña”,

VIVEIRO .- O obradoiro de fotografía dixital + exposición “OLLADAS DE MULLERES, VISIÓNS DESDE A MARIÑA”, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade en Burela, Barreiros e Mondoñedo desde o mes de outubro, chega ao seu remate este mes coa celebración da súa actividade final: a EXPOSICIÓN CONXUNTA das mellores fotografías de todas as participantes nesta iniciativa nas diferentes vilas mariñás.

Esta exposición conxunta terá lugar no Centro Comarcal da Mariña Occidental de Viveiro, onde se celebrará a súa inauguración o vindeiro venres 26 de febreiro, a partir das 18.30 horas. Na inauguración participarán Ana Méndez-Iragorri e Carolina García, membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade, acompañadas de mulleres participantes no curso que darán conta das súas experiencias durante o obradoiro dixital de fotografía e durante a toma de decisións e organización da exposición.

Para celebrar o acto contarase cun recital poético a cargo de Xacobo Casal, acompañado pola guitarra de Felipe Sánchez. Voces masculinas que dan un toque ás olladas das mulleres.

A exposición consta de 34 fotografías en cartón-pluma tamaño grande, o que a converte nun xeito moi interesante de achegarse ás diferentes OLLADAS DE MULLERES que teñen as moi diversas mulleres da Mariña. Após da inauguración, a mostra fotográfica poderá verse desde o día 26 de febreiro até o 13 de marzo, en horario de luns a venres de 10 a 14.30 e 17 a 20 horas, e os sábados das 11 ás 14 horas.

Exit mobile version