Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP da Mariña vén de felicitarse, aseguran, porque están en proceso de remate as obras da residencia de maiores de Viveiro

Nota de Prensa

Os populares subliñan que a totalidade das prazas na residencia de Viveiro serán sostidas con fondos públicos

O PP  LEMBRA QUE A SOCIEDADE QUE CONSTRÚE E XESTIONA A RESIDENCIA DE VIVEIRO SEMPRE FOI PRIVADA, POIS NO MOMENTO DA SÚA CONSTITUCIÓN O GOBERNO BIPARTITO DEIXOU O 55% DO SEU CAPITAL EN  MANS DAS CAIXAS DE AFORRO

* O populares sospeitan que as críticas do BNG son consecuencia do temor a que a inminente apertura da nova residencia deixe en evidencia o nulo traballo da anterior Xunta, que investía moitos recursos en publicidade e propaganda e poucos en acelerar e axilizar a apertura de novas residencias

A Mariña, 3 de xaneiro de 2010.- O Partido Popular da Mariña vén de felicitarse toda vez que as obras da nova residencia de atención ás persoas maiores de Viveiro xa están en proceso de remate e, polo tanto, porque cada vez estea máis próxima a data final para a súa apertura. Os populares subliñan o altamente positivo que será para o conxunto da  nosa comarca a creación desta nova infraestrutura de benestar social que centra o seu servizo no coidado e atención ás persoas maiores e dependentes que así o precisen.

No Partido Popular están especialmente satisfeitos polo compromiso adquirido pola Xunta diante da empresa que xestiona a residencia polo que a totalidade das prazas do novo centro serán 100% sostidas con fondos públicos ao igual que o resto das residencias que están en funcionamento (Bande e Chantada) ou que teñen prevista a súa apertura nun futuro próximo (Monforte, Vimianzo e Ourense)

O BNG EN EVIDENCIA

No Partido Popular sospeitan que as críticas que nos últimos días veñen realizando os nacionalistas están motivadas no temor do BNG a que a inminente apertura da residencia deixe en evidencia que o Goberno bipartito apostaba máis pola publicidade e propaganda  que por axilizar, acelerar e poñer en servizo novas infraestructuras de benestar social, tal e como fará o novo Goberno galego nas próximas semanas.

UNHA SOCIEDADE PRIVADA DESDE A SÚA CONSTITUCIÓN

A Sociedade Galega de Servizos Sociais (SOGASERSO) desde o momento da súa constitución, o 13 de xullo de 2006, por parte do Goberno  bipartito sempre contou coa maioría do capital privado, neste caso, pola participación no 55% do seu accionariado das caixas de aforro galegas. Polo tanto foi o anterior Goberno, do PSOE e do BNG quen, en todo caso, privatizou esta sociedade no momento de constituíla.

Os populares aclaran que a decisión dos actuais responsables da Xunta de Galicia de deixar de formar parte do accionariado da sociedade Sogaserso, non pode definirse de ningún xeito como privatización, tal e  como pretenderon facer crer os nacionalistas, e insisten en recordar que, desde o primeiro momento, esta sociedade foi unha empresa privada.

En todo caso o PP considera conveniente explicar que por acordo da Xunta de Galicia e as caixas de aforro, non está permitido que nin agora nin no futuro poida formar parte do seu capital ningún terceiro socio distinto das caixas. A devandita estipulación ten por obxecto garantir que Sogaserso non teña nin hoxe nin  no futuro fins lucrativos.

Exit mobile version