Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama o arranxo inmediato da estrada N-640

NOTA DE PRENSA:
Ofensiva do Partido Popular no Senado, Congreso e no Parlamento de Galicia para que Fomento non desatenda a súa obriga de conservar, arranxar e mellorar as estradas da súa competencia na Mariña lucense

O PARTIDO POPULAR SÚMASE Á PLATAFORMA VECIÑAL E RECLAMA O ARRANXO INMEDIATO DA ESTRADA NACIONAL-640

· Os populares sorprendidos porque PSOE e BNG estean a pedir a creación de novas vías cando nin tan sequera o Goberno central e capaz de garantir o mantemento das estradas da súa competencia.

A Mariña, 12 de febreiro de 2010.- A senadora María del Carmen Gueimunde, acompañada da deputada Olga Iglesias, do parlamentario autonómico Jose Manuel Balseiro así como dunha serie de representantes municipais do Partido Popular dos concellos polos que transcorre a nacional 640, mantiveron na tarde de hoxe unha xuntanza coa plataforma veciñal que reclama o arranxo urxente desta vía.

O obxecto da convocatoria foi dar conta da ofensiva que o Partido Popular ten previsto poñer en marcha nun triplo fronte: Senado, Congreso e Parlamento de Galicia co obxecto de requirir ao Ministerio de Fomento que cumpra a súa obriga de conservar, arranxar e mellorar esta infraestrutura de comunicación básica na zona oriental da Mariña lucense.

Os representantes do Partido Popular coincidiron cos membros da plataforma veciñal en cualificar de “lamentable” o estado que presenta esta vía estatal e que converte moitos dos seus treitos en practicamente intransitables, polo menos nunhas mínimas condicións de seguridade e calidade. Esta problemática afecta non só aos concellos lucenses de Ribadeo, Trabada e A Pontenova, senón tamén aos asturianos de Vegadeo e San Tirso de Abres.

CAMPAÑA DE SINATURAS E ADHESIÓN EN FACEBOOK

Desde o Partido Popular amosaron o seu apoio á campaña iniciada pola plataforma veciñal tanto en diversos establecementos hostaleiros destes concellos como na rede social “Facebook” a través da que se poden facer explícita a adhesión e sinatura dos veciños a esta reivindicación.

María del Carmen Gueimunde subliñou que esta desatención de Fomento non é unha característica exclusiva desta vía senón que, por desgraza, é común a moitas das estradas de titularidade estatal que transcorren pola Mariña, como pode ser o caso da variante de Foz, ou dos treitos contiguos á futura autovía do Cantábrico. “Parece mentira que Fomento estea en mans dun lucense, o socialista Jose Blanco, que desatende deste xeito as súas obrigas coa súa provincia”

Os representantes populares cuestionaron, finalmente que os socialistas estean a reclamar a creación de novas vías de comunicación cando son incapaces de garantir que as administración que eles dirixen desenvolvan a conservación básica das estradas da súa titularidade. Tampouco é positiva a posición do Bloque Nacionalista Galego tendo en conta que a súa negativa a vetar os orzamentos do Estado en Comisión, propiciou a aprobación dunhas contas, -os orzamentos de Zapatero- que esquecen por completo o investimento necesario para estas estradas nacionais do norte lucense.

Exit mobile version