Site icon Crónica3.com A Mariña

Os alcaldes de Cervo e Xove apoian o proxecto do cinto industrial de Alcoa e gaban as iniciativas do seu partido

CERVO .- Os alcaldes de Xove e Cervo, Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares respectivamente, compareceron este mediodía acompañados polos deputados autonómicos do Partido Popular José Manuel Balseiro e Emma Álvarez para valorar a iniciativa aprobada hai uns días no Parlamento de Galicia de recuperar o proxecto de cinto industrial supramunicipal destes dous municipios e que iría situado no contorno da multinacional Alcoa.

Os rexedores aseguraron que a materialización desta decisión débese “única e exclusivamente” ao grupo parlamentario do Partido Popular, “posto que foi o único grupo que apoiou a decisión de rescatar do esquecemento este proxecto fundamental para o desenvolvemento industrial e para o futuro non só de Cervo e Xove, se non tamén de toda a a comarca da Mariña”, indicaron.

En opinión de Demetrio Salgueiro, as posicións amosadas no debate da iniciativa o pasado día 11 no parlamento de Galicia “deixaron a cada un no seu sitio” e demostraron que o Partido Popular é o único partido comprometido “en volver a levantar un proxecto que no seu día PSOE e BNG tiraron abaixo e que agora, dende a a oposición na Xunta, continúan a intentar torpedear”.

Tanto Salgueiro coma Villares botaron en falta un pronunciamento “claro e rotundo” diante da opinión pública dos voceiros e representantes locais da oposición de Cervo e Xove neste tema. Neste senso o rexedor xovense cualificou de “chocante” a postura do BNG de Xove neste tema, posto que hai uns días os nacionalistas xovenses pedían na prensa que o goberno local impulsara unha iniciativa semellante para impulsar o cinto industrial de Alcoa, “e que cando esa iniciativa vai a debate no Parlamento os seus compañeiros de partido en Santiago votan en contra dela” lembrou Salgueiro.

Este “dobre discurso” do BNG amosa, en opinión do mandatario local de Xove, que as opinións dos nacionalistas xovenses non son tidas en conta polos seus compañeiros de partido en Santiago. “O mellor que deberían facer sería abandonar a disciplina do BNG, porque os feitos nos amosan que os seus compañeiros na cámara galega non están a atender as súas reclamacións” aseverou Demetrio Salgueiro.

Pola súa parte, Alfonso Villares cualificou o compromiso da Cámara Galega de recuperar o proxecto de parque supramunicipal no contorno de Alcoa coma “unha das mellores noticias non só para Cervo e Xove, se non para toda a A Mariña” e asegurou que este proxecto posibilitará a captación de novas empresas que contribúan ao desenvolvemento industrial e a xerar riqueza. O alcalde de Cervo lembrou tamén a ideoneidade da zona para ubicar nela un polígono que poida dar servizo non só á multinacional do aluminio se non tamén poda dar resposta á posibilidade de que nun futuro se materialice a apertura do dique norte de Alcoa”. “Nestes momentos de crise o que sobran son as palabras, os veciños bota en falta feitos. Pois ben, tivo que ser o PP quen retornara aos feitos e recobrara do caixón un proxecto de futuro que outros, desgraciadamente pretendían deixar morrer, e con el, todas as esperanzas de crecemento dunha comarca enteira” indicou Villares.

Exit mobile version