Site icon Crónica3.com A Mariña

Perigan realmente as pensións? ( e II )

En pleno fragor do entroido prestámoslle atención nestas páxinas á vella cantilena da inviabilidade das pensións. Como comparsa de vellos choqueiros (que me perdoen os e as amantes de Don Carnal por comparalos cos voitres neoliberais!), os aduladores do gran capital entoan unha rancia melodía que vai xerando o seu pouso e unha considerábel aceptación. Cómpre quitarlle a carauta ideolóxica (neo-con) a tales argumentos.

Nos últimos 30 anos a produtividade medrou apreciabelmente. Porén, os salarios non se viron incrementados na mesma proporción. Máis ben hai que dicir que a masa salarial, como porcentaxe da renda nacional, diminuíu. E isto é consecuencia da aplicación de políticas neoliberais levadas a cabo tanto por países con gobernos de dereitas como por gabinetes de corte pretendidamente socialdemócrata. Iso si: as rendas do capital ben que aumentaron.

Dito incremento afectou aos ingresos da Seguridade Social. Lembremos que as cotizacións sociais derivan do traballo. Mesmo hai que destacar que as cotizacións empresariais da Seguridade Social baséanse na masa salarial da empresa, logo é unha achega baseada no traballo. Por tanto, se diminúen as rendas do traballo (ben en termos relativos con respecto ao conxunto da renda nacional, ben en termos absolutos) inevitabelmente vai afectar ao método de financiamento do sistema de pensións. Iso si: sempre vai ser máis doado botarlle a culpa ao boom da natalidade dos 60 e ao descenso da dos anos 90 e novo milenio, que recoñecer a crúa realidade neoliberal que se nos impón. Se ademais cometemos a soberbia de vivir, como promedio, catro anos máis que hai dúas décadas, entón isto xa é a repanocha.

Que facer ante tal situación? Segundo Vicenç Navarro, para mellorar a viabilidade dos sistemas de pensións non só hai que aumentar a produtividade –cousa ben importante- senón tamén os salarios. Cómpre asegurarse de que o incremento da produtividade repercuta no nivel dos salarios e nos ingresos da Seguridade Social. Crecemento do emprego (cunha decidida incorporación da muller ao mercado laboral), crecemento dos salarios e diminución das desigualdades son condicións ben importantes para asegurarmos a viabilidade das pensións públicas. Escoitar isto de estudosos como o antes mencionado, ou tamén doutros como Christian E. Weller e non aplicarse o conto para o caso galego é absurdo.

Limitarse a lembrar cada certo tempo o baixas que son as pensións galegas, nomeadamente as de Lugo e Ourense, pero esquecer o papel fundamental que deben xogar as políticas de redistribución da riqueza, é dun cinismo insoportábel. Cantas veces non teremos escoitado dicir que os sindicatos son así e asado… e tumba e dalle… Por suposto, os empresarios sempre son postos como modélicos. Aínda que algún deles dispoña no seu haber ter levado empresas á creba e dicir que nunca viaxaría nunha compañía como a súa. Hainos que ornean por entre as silveiras coma vellas burras choqueiras contra todo o que signifique redistribución da riqueza. Iso é como menta-la bicha! E cando algún compañeiro ou compañeira, persoa de empresa con visión de futuro, destaque por ter esa sensibilidade, logo o han sinalar co dedo.

Por suposto que é imprescindíbel xerar riqueza. Pero tamén é fundamental redistribuíla. Na forza que sexamos capaces de depositar nas nosas organizacións sindicais ha de estar boa parte do futuro das nosas pensións. Desde logo, non se trata de achegármonos inxenuamente a eles para que nos solucionen o noso problema. Debemos participar no seu seo e nunca debilitalos con prexuízos en torno á súa función. Outra cousa é que lles poidamos tirar das orellas cando coidemos que o fixeron mal. Pero non facemos iso mesmo cos nosos gobernantes e deputados e concelleiros en xeral? As nosas pensións han perigar o que nós dispoñamos.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version