Site icon Crónica3.com A Mariña

Alcalde de Ribadeo e técnicos da Sepes e do Igape presentarán no Concello o polígono industrial

RIBADEO (FNC) .- O Concello acollerá o vindeiro 18 de febreiro a presentación oficial do polígono industrial de Ribadeo. Ao acto acudirán, ademais do alcalde, técnicos de SEPES e do IGAPE co obxectivo de facilitar información ás empresas que desexan instalarse neste parque empresarial.

Fernando Suárez sinalou hoxe que “afortunadamente seguimos coa tramitación do polígono industrial de Ribadeo, encarando a fase final de construción e estamos iniciando unha nova que é a de comercialización previa. Por este motivo o vindeiro xoves ás 20:30 horas aquí na Casa do Concello no salón de plenos faremos unha presentación ou explicación pública do que será este polígono, as súas parcelas, os prezos, as súas dimensións, as condicións de financiamento… No acto contaremos coa presenza dos técnicos de SEPES, a empresa que depende do Ministerio de Vivenda e que está a promover este polígono industrial de Ribadeo, e tamén virán representantes do IGAPE, dado que nos parece moi importante que xunto coas condicións de prezo e de financiamento que estableza SEPES tamén queremos acompañar a coordinación doutro tipo de subvencións, de incentivos ou de subvencións a fondo perdido por parte deste instituto”.

Desde o Concello “estamos a enviar cartas a veciños e empresarios de Ribadeo, da comarca tanto da Mariña luguesa como do Occidente asturiano para que veñan ter información de primeira man sobre un dos polígonos máis interesantes, mellor conectados, máis atractivos da zona e que conta con servizos de última xeración”. O alcalde de Ribadeo confía en que “poida vir bastante xente a este primeiro acto de comercialización, xa que hai moito tempo, desde que empezou a construcción do polígono, que é sistemático que cada semana veña xente ao Concello a preguntar pola venda de parcelas e as condicións que van ter. O día 18 explicaremos con todo luxo de detalles os aspectos económicos e técnicos para poder adquirir unha parcela no polígono industrial de Ribadeo”.

En total o polígono industrial de Ribadeo conta con 12.000 metros cadrados para 14 parcelas adosadas de entre 500 e 1.300 metros cadrados. Hai 54.522 m2 para a industria media aillada de 1.300 a 3.000 m2, neste caso son 30 parcelas. E 48.755 metros cadrados que ocuparán 11 parcelas para industria xeral illada de máis de 3.000 m2.

Exit mobile version