Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pontenova, Viveiro e Ourol reciben a sinal da TDT

SANTIAGO .- Preto de 50.000 galegos máis das provincias de Lugo e Pontevedra xa teñen desde hoxe exclusivamente sinal de TDT. O cese do sinal analóxico realizouse esta mañá nos concellos lucenses de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol, e na Cañiza, en Covelo e, parcialmente, en Vilagarcía de Arousa.

En Pontevedra, o apagado do sinal analóxico practicouse nos emisores da ‘Cañiza’ e ‘Carril’, situados na Área Técnica de Domaio, onde son 10.108 persoas as que desde hoxe xa ven exclusivamente a TDT.

Por outra banda, no tocante á área técnica do Páramo, o acendido dixital de hoxe realizouse nos centros emisores de ‘Becerreá’, ‘Conforto’, ‘Pontenovo’, ‘Pontenovo I’, ‘Vilameá’, ‘San Paio’ e ‘Viveiro’. Co apagado do sinal analóxico neste puntos, son máis son 34.000 galegos dos concellos de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol os que xa reciben o sinal dixital.

Achegar a TDT a un total de 76 concellos o vindeiro 2 de abril

Os municipios que hoxe rexistraron o acendido dixital, pertencen ás áreas técnicas de Domaio e O Páramo onde se está a levar a cabo o apagado analóxico nesta terceira e última fase do proceso de transición á TDT que finalizará o vindeiro venres, 2 de abril. Trátase dos concellos que contan cun maior índice de poboación do conxunto da comunidade.

Precisamente o día 2 de abril, o apagado na área técnica do Páramo afectará a 45 concellos, que suman 273.992 habitantes; mentres que, na área técnica de Domaio, serán 31 municipios, un total de 694.000 veciños, os que reciban o sinal da TDT ao finalizar o proceso.

En ambas as dúas provincias a xornada está a transcorrer sen incidentes e cómpre salientar que incluso se ten producido un considerable descenso no número de chamadas por parte dos usuarios.

No que respecta á xornada de mañá, mércores, o apagado efectuarase nos centros de ‘Meis’ e ‘Moaña’, de xeito que os concellos de Meis, O Grove, Cambados, Ribadumia, Portas, Barro, Moraña e unha parte de Moaña, cun total de 45.578 habitantes, pasarán a ter cobertura dixital.

Recomendacións aos usuarios

A Secretaría Xeral de Medios segue a recomendar aos cidadáns que, logo da instalación dos adaptadores da TDT, comproben a correcta orientación da antena, sen agardar ás datas fixadas para o apagado analóxico, dado que, no 98% dos casos, xa se pode recibir o sinal da televisión dixital. É importante, polo tanto, que se verifique a correcta recepción da TDT nestes días, dada a proximidade de datas festivas nas que non poderán recibir a atención dos técnicos instaladores.

Así mesmo, o servizo de atención telefónica ao cidadán sobre a TDT segue activo, co obxectivo de dar unha resposta máis áxil ás dúbidas dos usuarios. Como xa sucedeu durante a primeira fase de implantación da TDT- os teléfonos dispoñibles para atender as consultas son o 012 e o 981572154. Os cidadáns tamén poderán obter información a través da páxina web www.tdtgalicia.es.

Exit mobile version