Site icon Crónica3.com A Mariña

A Universidade de Santiago informa os alumnos do IES Perdouro sobre itinerarios educativos

BURELA .- O profesor Francisco Xosé Candia Durán, docente na Universidade de Santiago, participará nunha tertulia co alumnado de 4º de ESO do IES Perdouro o próximo venres, día 5 de marzo, ás 11:45 horas. A actividade, organizada en colaboración polos departamentos de Filosofía, Língua Galega e Orientación Educativa estará conducida polo profesor Xoán Carlos Barcia Bouzas e as profesoras Carmen Vivero e Dolores Chas e nela abordarase a situación actual do sistema educativo en temas tan importantes como a orientación educativa, a innovación didáctica e a sustentabilidade.

Aproveitando a súa visita a este centro, o profesor Candia Durán reunirase cos participantes no programa de innovación educativa do IES PErdouro, que por cuarta edición consecutiva conseguiu o premio convocado pola Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

*Francisco Xosé Candia Durán é *Profesor do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social na Escola Universitaria de Formación de Profesorado de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela). Nacido en Nois (Foz; 1981), cursou estudos primarios no colexio local e secundarios no IES /Monte Castelo/ de Burela. Despois licenciouse en Pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC, e coa axuda de diferentes bolsas continuou a formación no Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, ao cal pertence actualmente. Desde Lugo e a Mariña participa en investigacións relacionadas coa pedagoxía social e a educación ambiental. Deu os primeiros pasos como docente na citada facultade, e logo no Porto, e desde hai uns anos é profesor da Escola Universitaria de Formación de Profesorado de Lugo, na que contribúe á formación das mestras e mestres do mañá desde unha perspectiva que poña de manifesto o medio rural, a lingua galega, a innovación e a sustentabilidade. Neste centro co-organiza actividades diversas sobre educación ambiental, educación para a paz, orientación educativa, etc. Tamén é membro da /Sociedade Galega de Educación Ambiental/ e do mrp /Nova Escola Galega/, entre outras iniciativas asociativas.

Exit mobile version