Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achegará 1,5 millóns de euros para mellorar o Hospital da Costa

SANTIAGO .- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, asegurou hoxe ante o Pleno do Parlamento que a Xunta vai achegar 1,5 millóns de euros á mellora das infraestruturas e do funcionamento do Hospital da Costa, en Burela. Así sinalou que está en execución a reforma da planta de tocoxinecoloxía, cun investimento de preto de 900.000 euros, e xa se publicou a licitación da reforma da cuberta e rampla, ampliación da unidade de farmacia e arquivo, por importe de 615.400 euros.

Farjas Abadía afirmou que se están a cumprir os compromisos de realización destas obras, con modificacións que melloran os proxectos iniciais, e que contan coas achegas dos profesionais, aos que definiu como protagonistas fundamentais no funcionamento do hospital e na atención que reciben os pacientes.

A conselleira explicou que o traballo no hospital se desenvolve con normalidade, xa que o seu rendemento cirúrxico chega case ao 71% -o seu obxectivo para 2010 é superar o 75%- e, no tocante ás listas de espera, os pacientes máis graves -prioridade 1- esperan unha media de 15 días para ser operados, un dos mellores datos da Comunidade.

Ademais, nas iniciativas de mellora de funcionamento e organización do sistema que se recollen no acordo de xestión, está previsto que no primeiro semestre se implanten dúas vías rápidas -de cancro colo-rectal e cancro da área de otorrino (ORL)-, e o proceso asistencial integrado de insuficiencia cardíaca, o que permitirá mellorar a atención aos pacientes afectados por estas patoloxías.

Así mesmo, a atención urxente e os traslados intrahospitalarios mellorarán ao dotar á área da Mariña cunha ambulancia medicalizada, que entrará en funcionamento no verán. “En definitiva, apostamos por potenciar o hospital da Costa, pois queremos solucionar os problemas de saúde dos mariñáns o máis cerca posible, e da forma máis resolutiva posible”, concluíu.

Recoñecemento do 061
Doutra banda, Pilar Farjas fixo referencia á obtención por parte da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 do Selo de Excelencia 200+ da Fundación Europea para a Calidade na Xestión (EFQM), o que supón un recoñecemento da posta en marcha de diversos procesos que repercuten tanto na xestión dos recursos como na calidade asistencial prestada a toda a poboación galega.

Segundo explicou, os obxectivos cara o futuro desta entidade están baseados no seu sistema de xestión de calidade, no principio de mellora continua e na consideración do usuario como centro e obxectivo de toda a súa actividade asistencial.

Así, os seus principais proxectos son a optimización e reorganización do sistema de asistencia e transporte sanitario urxente na Comunidade; a implementación dun programa de atención ao paciente en idade pediátrica; a potenciación do papel da enfermaría dentro da Fundación; a consolidación desta como centro docente de posgrao e inicio de traballo co pregrao; a creación dunha rede de centros de simulación baixo a coordinación xeral da Escola Galega de Administración Sanitaria; e o desenvolvemento do plan de calidade do 061.

“En definitiva, toda unha serie de proxectos encamiñados a mellorar e modernizar o funcionamento e a xestión da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia 061, co obxectivo permanente de atender mellor ás necesidades das persoas, dos nosos cidadáns”, resumiu.

Detección Precoz de Cancro de Mama
Por último, a conselleira respondeu a unha pregunta sobre o Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama. Sobre el, destacou a súa alta participación –superior ao 80%- e lembrou que se iniciou en 1992 e desde 2005 mantén en funcionamento 13 unidades de exploración, das que 4 son móbiles.

Estas, explicou, presentan algunhas dificultades, xa que non teñen sala de espera nin condicións de intimidade para as mulleres atendidas; existen nelas barreiras arquitectónicas para persoas con dificultades de mobilidade; amosan un custo elevado de mantemento e un número de avarías maior; a súa xestión provoca tempos sen traballo polos traslados e a necesidade do reaxuste de equipos; e existe unha imposibilidade de traballar con conexión en rede coa aplicación informática do Programa, como se fai no resto das unidades.

Doutra banda, as propias unidades móbiles están a punto de completar a súa vida útil, xa que levan en funcionamento entre 14 e 16 anos. A isto hai que engadir a necesidade inmediata de cambio á tecnoloxía dixital para o cal son necesarios unha serie de requisitos técnicos que non cumpren.

“Porque estamos convencidos de que se poden mellorar as taxas de participación, é polo que estamos a abordar un cambio substancial na operativa do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama”, afirmou Pilar Farjas.

Neste senso, a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería e a Xerencia do Sergas están a traballar na substitución dos mamógrafos por mamógrafos dixitais e na implantación do programa de detección precoz de cancro de mama nos hospitais comarcais reforzando este servizo e aumentando a capacidade asistencial e de xestión destes hospitais. Así, no prazo de tempo máis breve posible se tomarán as medidas oportunas que fagan ao Programa gañar en calidade de servizo, e que se terían que ter afrontado hai tempo posto que as dificultades que expuxen eran ben coñecidas polo anterior equipo da Consellería.

Exit mobile version