Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta adica 10,12 millóns de euros a pagar atrasos a 1.834 dependentes na provincia de Lugo

LUGO .- A Xunta de Galicia aprobou unha partida de 10,12 millóns de euros para facer fronte aos pagos que se debían a 1.834 dependentes da provincia de Lugo. A cifra de solicitudes atendidas na provincia chega a 7.200, sobre un total de 9.014 lucenses que teñen dereito a recibir esta prestación.

Nota de Prensa

A XUNTA AUTORIZA O PAGO DE ATRASOS A 1.834 PERSOAS DEPENDENTES EN LUGO MEDIANTE UN INVESTIMENTO DE 10,12 MILLÓNS DE EUROS

* A delegada territorial, Raquel Arias, afirmou que o goberno de Feijóo atendeu no 2009 case tantas demandas de grandes dependentes “como en dous anos do bipartito”
* Sinalou que este esforzo “confirma a intención da Xunta de estender a cobertura dos servizos e axudas sociais a todo aquel que o necesite”

Lugo, 10 de marzo de 2010.- A Xunta de Galicia aprobou unha inxección extraordinaria de 10,12 millóns de euros que serviu para facer fronte aos pagos atrasados que se adebedaban a 1.834 dependentes da provincia de Lugo.

Deste cómputo total, 1.713 corresponden a pagos do que se denomina axuda económica por libranza do coidador, isto é, pagos para que a persoa dependente reciba coidados no seu propio fogar. Os outros 121 expedientes corresponden a axudas vinculadas á prestación dun  servizo, para usuarios de centros de día ou residencias.

Deste xeito, o impulso experimentado na tramitación dos expedientes permitirá que a cifra de solicitudes atendidas na provincia chegue a 7.200, sobre un total de 9.014 lucenses que teñen dereito a recibir esta prestación.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, comunicou hoxe estes datos que, segundo resaltou, demostran que a aplicación da Lei de Dependencia é prioritaria para o goberno galego. “En dez meses de xestión, entre maio e decembro de 2009, foron atendidas as demandas de 1.597 grandes dependentes en Lugo, mentres que nos dous anos de bipartito atendéronse 1.827”, afirmou.

“O goberno galego –engadiu- sitúase nunha proporción de cobertura de 2 de cada 3 persoas con dereito á prestación”. Con respecto a este dato, asegurou que “a ratio que recibiu do bipartito era de 1 de cada 4”.

Arias incidiu en que a aplicación desta norma en Galicia presenta máis dificultades que noutras comunidades autónomas, dado o alto índice de envellecemento da nosa poboación, “e padecemos ademais o inconveniente da escasa contribución por parte do Estado, que en termos xerais está arredor do 30% cando debía achegar o 50% do investimento”.

A delegada territorial considera que as actuación da Xunta en materia de dependencia “confirman a intención do goberno de Feijóo de estender a cobertura dos servizos e axudas sociais a todo aquel que o necesite, especialmente neste contexto de crise económica que menoscaba a  economía das familias”.

Os 1.834 expedientes correspondentes aos atrasos veñen de ser abonados entre xaneiro e febreiro, número que se irá integrando gradualmente no sistema nos próximos meses, a medida que os usuarios se vaian dando de alta. Estas persoas, sumaranse así ás máis de 5.000 atendidas coas que a delegación territorial pechou o ano 2009.

A delegada valorou o resultado deste plan especial de pago de atrasos ás persoas   dependentes  executado pola Consellería de Traballo e Benestar nos dous últimos meses. “Resultaba de todo punto necesaria unha actuación deste tipo: Unha resposta eficiente ante a cantidade de demandas que se acumularan”, destacou, ao tempo que lembrou que moitas destas persoas levaban máis dun ano esperando por esta axuda.

Explicou que o plan especial requiriu “un plus orzamentario -co investimento deses 10,12 millóns de euros-, pero tamén un inmenso traballo de xestión que recaeu sobre os funcionarios e demais persoal do Servizo de Dependencia desta Delegación Territorial, que traballaron arreo, incluídas tardes e fins de semana, para tramitar todos os expedientes”.

Co fin de cumprir cos prazos e actualizar a tramitación dos procedementos, o cadro de persoal do servizo foi reforzado con 11 persoas máis, 5 traballadores temporais e seis interinos dedicados a valorar o grao de dependencia caso por caso.

Arias felicitouse polos avances logrados, por considerar que “o retraso na aplicación da lei provocaba o desánimo entre os posibles usuarios, e a frustración das lexítimas expectativas creadas por unha norma tan ambiciosa na súa formulación como estancada no seu desenvolvemento”.

Entende que, no futuro, a nova ferramenta informática resultará moi eficaz, xa que ademais de simplificar os procedementos, será accesible aos concellos, polo que os traballadores sociais poderán consultar algúns datos dos expedientes tramitados e transmitir esa información aos seus usuarios.

A redución dos tempos de tramitación en case a metade –de 12 a 6 meses- e o novo decreto que regula o dereito á prestación dos dependentes falecidos durante a tramitación, foron outros dos aspectos positivos destacados pola delegada territorial.

Exit mobile version