Site icon Crónica3.com A Mariña

En maio comeza a funcionar o NoiteBús Viveiro Ribadeo e Mondoñedo Foz

SANTIAGO .- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, reforza os servizos de Noitebús durante a Semana Santa e incrementará a oferta de liñas de Noitebus durante a primavera e o verán. En maio, comezan a funcionar as rutas Viveiro-Ribadeo, Mondoñedo-Foz e en xuño entran en servizo O Valadouro-Foz. Na actualidade, existen 246 rutas concedidas: 109 na Coruña, 56 en Lugo, 39 en Ourense e 42 en Pontevedra.

NOTA DE PRENSA

A Dirección Xeral de Mobilidade está estudando a implantación de medidas de control para evitar o mal uso deste servizo de transporte

MEDIO AMBIENTE REFORZA O SERVIZO NOITEBÚS DURANTE A SEMANA SANTA MEDIANTE O INCREMENTO DE 17 RUTAS

* O prezo do billete é de 2 euros (ida e volta), importe accesible co que se pretende evitar desprazamentos en vehículo particular para reducir a sinistralidade viaria
* A Dirección Xeral de Mobilidade sinala que ao longo dos meses de xaneiro e febreiro, un total de 78.714 usuarios empregaron os servizos de Noitebús
* A Xunta poñerá en marcha 9 liñas máis a partir dos meses de maio e xuño

Santiago, 28 de marzo de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, reforza os servizos de Noitebús durante a Semana Santa, incrementando en 17 as rutas de autobuses. Na actualidade, existen 246 rutas concedidas: 109 na Coruña, 56 en Lugo, 39 en Ourense e 42 en Pontevedra.

As seguintes rutas comezan a prestar servizo ou realizan desprazamentos soamente ao longo do periodo vacacional. A liña Santa Mariña- Camariñas- Santa Mariña funcionará dende o mércores 31 de marzo ata o 4 de abril e Ferrol-Valdoviño-Cedeira, os días 2 e 3 de abril. Ademais, esta última liña establécese a partir do mes de xuño.

Por outra parte, existen unha serie de rutas que tiveron servizo en Nadal e Entroido e retómanse os días 2 e 3 de abril, xornadas que corresponden co Xoves e Venres Santo. Estas liñas son: Boimorto-Melide-Lalín-Melide, Friol-Melide, Arzúa-Melide-Palas de Rei, Golán-Melide, Melide-Santiso-Melide, Melide-Sobrado-Toques-Melide.

Na provincia de Pontevedra, funcionarán varias liñas do 1 ao 3 de abril, que se establecerán como fixas a partir de xuño. Estas rutas son: O Grove- Sanxenxo, Pontevedra- Sanxenxo- Portonovo, Cangas- Vigo e Pontevedra- Bueu Cangas. Tamén existen outras liñas que realizarán desprazamentos o 2, o 3 de abril, o 30 de abril e o 1 de maio:  A Illa- Vilanova- Cambados, Vilagarcía- Pontevedra e Catoira- Vilagarcía- Sanxenxo.

O prezo do billete para os usuarios continúa sendo de 2 euros (ida e volta), importe moi accesible co que se pretende evitar os desprazamentos en vehículo particular como medida para reducir a sinistralidade viaria.

Máis de 78.700 usuarios

A Dirección Xeral de Mobilidade sinala que ao longo dos dous meses de xaneiro e febreiro, un total de 78.714 usuarios empregaron os servizos de Noitebús. O éxito deste servizo vén avalado por un continuo incremento da demanda, consolidando o NoiteBús como unha alternativa cada vez máis clara ao vehículo privado. Cabe citar que as liñas que rexistraron un maior número de usuarios foron: Ribeira-Padrón, 2.454; Carballo-Ordes-Carballo, 1.732; Cambre- A Coruña, 1.212; A Coruña- Betanzos, 2.145; Redondela- Vigo, 1.890; Negreira-Brión-Bertamiráns-Santiago, 2.598; e Marín- Pontevedra, 1.448.

Dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o éxito do programa NoiteBús radica en que vai especificamente dirixido ao sector poboacional no que se pretende incidir, a xuventude, ofrecendo a posibilidade de desprazarse durante toda a noite por unha baixa tarifa unificada, e conectando as principais zonas de “movida” nocturna da nosa xeografía.

9 rutas máis en maio e xuño

A Xunta de Galicia vén de avanzar que se continuará incrementando a oferta de liñas de Noitebus durante a primavera e o verán. Así, en maio, comezan a funcionar as rutas Ferrol- Ares-Miño, Viveiro-Ribadeo, Mondoñedo-Foz, Portomarín-Monterroso-Melide e Sober-Monforte. En xuño, entran en servizo O Valadouro-Foz, Rozables-Cangas, Baiona-Vigo e Eiras- A Guarda.

RUTAS NOITEBÚS EN SEMANA SANTA
31 marzo- 4 abril     2 abril – 3 abril     1 abril – 3 abril (tamén a partir de xuño)
Santa Mariña- Camariñas- Santa Mariña     Ferrol-Valdoviño-Cedeira     O Grove- Sanxenxo
Boimorto-Melide-Lalín-Melide     Pontevedra-Sanxenxo- Portonovo
Friol-Melide     Cangas- Vigo
Arzúa-Melide-Palas de Rei     Pontevedra- Bueu- Cangas
Golán-Melide     Teibel- Escairón
Melide-Santiso-Melide
Melide-Sobrado-Toques-Melide
A Illa- Vilanova- Cambados
Vilagarcía- Pontevedra
Catoira- Vilagarcía- Sanxenxo

Por outra banda, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade está  a estudar a implantación de medidas de control para evitar o mal uso deste servizo de transporte.

Exit mobile version