Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos do IES Perdouro visitan Francia nun intercambio co “Collège Jean Monnet”

BURELA .- Vintedous alumnas/os de 3º e 4º ESO do IES Perdouro encóntranse actualmente en Francia co motivo do seu intercambio que manteñen co Collège “Jean Monnet” entre o 17 e 27 de marzo de 2010

Os estudantes de 3º e 4º de ESO do IES Perdouro participan neste programa e dan comezo a unha aventura difícil de esquecer. O Intercambio lingüístico transfronteirizo entre mozos da comarca de Janzé da Bretaña Francesa e Burela permite durante dez días convivir coas xentes dunha localidade preparada para acollelos.

Un Programa Intenso

A primeira parada foi a capital francesa, París. Alí realizaron a visita aos lugares máis emblemáticos da cidade da Luz, paseando en bateau-mouche polo río Sena e aproveitando a noite para ver a Torre Eiffel escintilar e o conxunto monumental iluminado. Ademais pararon a visitar o Museo do Louvre, un dos museos máis importante de Europa, onde puideron ver a Mona Lisa, a Vitoria de Samotracia, a Venus de Milo, e a colección sobre Exipto. Logo de tanta cultura durante dous días en París, os alumnos puideron gozar dun día de lecer no parque temático de DisneyLand.

Unha axenda completa cun itinerario marcadamente cultural por Bretaña.

A finalidade do intercambio, é como non, o encontro entre os mozos. Logo da acollida dos franceses en Burela no pasado mes de febreiro, agora tocaba o reencontro no país galo. Alí espéralles un programa de actividade deseñado pola profesora do Collège “Jean Monnet” de Janzé, Servane Le Gagne.

Os nosos alumnos de francés de 3º e 4º da ESO atópanse convivindo estes días cos seus “correspondentes” franceses e coas súas familias o que supón para eles a necesidade de empregar con asiduidade a lingua francesa. Ademais, visitarán e coñecerán a rexión onde se encontra o pobo de Janzé e participarán en numerosas actividades deportivas e pedagóxicas.

Hoxe luns, unha vez recibidos polo Director do centro, os alumnos galegos puideron asistir ás clases e observar o sistema educativo francés. Tamén o grupo de alumnos foron recibidos esta mañá polas autoridades locais no concello de Janzé dando o carácter institucional ao Proxecto de Intercambio entre os dous centros.

Ademais da formación académica recibida no colexio, os alumnos completarán a súa estancia visitando o pobo medieval de Châteaugiron; a cidade amurallada de Saint Malo, coñecida como a cidade dos Corsarios, e bombardea case na súa totalidade na Segunda Guerra Mundial.

Mañá visitarán detidamente a mundialmente recoñecida abadía do Mont Saint Michel e realizarán un obradoiro medioambiental sobre o ecosistema da bahía do Monte.

Achegaranse o xoves a coñecer o conxunto megalítico de Carnac; o Cairn de Gavrinis, construído contorna a 3500 antes J.C., cuxa particularidade son os magníficos gravados neolíticos únicos conservados por estar situado nunha illa, e estar a salvo dos pillaxes; o Dolmen da Roche aux Fées, onde descubriron a lenda que escondía esta alameda de pedras erguidas. Tamén, deste xeito, descubrirán a vila de Vannes mediante un xogo de pistas.

Finalizarán o seu percorrido por Bretaña, visitando a capital bretona, Rennes, o seu casco histórico e o seu parlamento.

O último día antes de partir, os nosos mozos gozarán dunha cea de despedida tipicamente bretona.

Este é o quinto ano consecutivo que ambos centros organizan os intercambios, cos que pretenden mellorar a competencia lingüística dos alumnos.

Ambas profesoras encargadas de coordinar o programa, Karina Parga e Servane Le Gagne, destacan o enriquecemento lingüístico e cultural que supón para os alumnos participar en actividades coma esta.

Exit mobile version