Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o PP que se potencia o Hospital da Costa licitando a reforma da cuberta, da rampla de acceso e da farmacia

NOTA DE PRENSA

O Diario Oficial de Galicia  publica no día de hoxe a licitación por procedemento de urxencia das obras de reforma da cuberta, da rampla de acceso e de ampliación da unidade de farmacia e arquivo deste centro

BALSEIRO VALORA MOI POSITIVAMENTE O INVESTIMENTO DE MÁIS DE 615.000 EUROS EN OBRAS PARA O HOSPITAL DA COSTA

* Esta actuación amosa a vontade do Goberno de Feijóo por potenciar o hospital de Burela, na liña do discurso que sempre mantivo o PP, e deixa en evidencia a socialistas e nacionalistas que mediante falsidades e manipulacións intentan desacreditalo.

* Estas obras contemplan un investimento maior, en tan só un ano de Goberno, que o executado polo bipartito no conxunto da pasada lexislatura –conclúe Balseiro.

Santiago, 15 de marzo de 2010.- O deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol vén de manifestar a súa satisfacción e valorar moi positivamente a achega dun investimento superior aos 615.000 euros –máis de 100 millóns das antigas pesetas- en obras para  o Hospital da Costa de Burela. No día de hoxe o Diario Oficial de Galicia fai pública  a licitación por procedemento de urxencia das obras de reforma da cuberta, da rampla de acceso e de ampliación da unidade de farmacia e arquivo deste centro. A resolución da Xunta establece un prazo de execución de 6 meses para  desenvolver estes traballos.

Balseiro subliña que o devandito investimento demostra a vontade do novo Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo por potenciar este centro hospitalario e vén a reforzar o discurso que sempre mantivo o Partido Popular, “na liña de apostar polo Hospital da Costa, pola súa plena autonomía, pola súa mellora, polo incremento dos seus servizos”. Xunto a isto o parlamentario do PPdeG insiste en que esta decisión deixa en evidencia a aqueles –en referencia a PSOE e BNG- “que tanto descrédito lle quixeron facer ao Hospital da Costa, que tanto se cansaron de contar mentiras e manipulacións e incluso chegaron a afirmar que se convertería nun simple ambulatorio ou que pecharía para trasladarse ata a cidade de Lugo”.

Finalmente cómpre subliñar que o devandito investimento, que chega a piques de cumprirse o primeiro ano de Goberno dos populares na Xunta, é moi superior ao executado nos anteriores catro anos por PSOE e BNG. “Vexe claramente quen está a potenciar o hospital e mellorar o sistema público de saúde da nosa comarca a través dun impulso claro e positivo, e quen estaba por marxinalo na pasada lexislatura”-conclúe Balseiro Orol.

Exit mobile version