Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela adía a obra de saneamento da rúa Curros Enríquez por falla de axuda da Xunta

BURELA (FNC) .- A Xunta de Galicia ven de rexeitar a solicitude de axuda presentada polo Concello para levar adiante un proxecto para a separación de pluviais e residuais no contorno da rúa Curros Enríquez. Unha obra que suporía un investimento de 600.000 euros. O alcalde, Alfredo Llano, lamenta esta falla de apoio.

O rexedor lembrou que “o proxecto foi presentado no 2008 e consideramos que era moi importante para o noso concello, dado que contribuiría a mellorar o aspecto medio ambiental porque se forzaría moitísimo menos á EDAR”. Llano explica que “o que nos din é que asumamos nós o proxecto e alegan que a situación económica na que nos atopamos non é a mellor, pero tampouco é a mellor como todo o mundo sabe para os Concellos. Non sabemos ata cando teremos que pospoñer este proxecto porque o seu financiamento senon o realiza quen ten que realizalo que é a Consellería de Medio Ambiente nós non podemos afrontar este tipo de presuposto. Tentarei incoporar este asunto ás novas conversas e proxectos que lle expuxemos á Xunta para ver si máis adiante sería posible contar coa súa colaboración”.

Plan de Ordenación de Litoral

O alcalde de Burela manterá mañá un encontro ás 11:30 horas cos técnicos de OTEA co fin de preparar a xuntanza sobre o POL prevista para o venres en Santiago co director xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

Alfredo Llano explicou que “trataremos de coordinarnos entre os nosos técnicos e os de OTEA, a empresa redactora do noso plan xeral, para definir a estratexia que manteremos o venres ás 12 da mañá en Santiago, onde analizaremos o POL e as incidencias que terá para Burela. Queremos integrar o máximo posible ese plan da Xunta no noso PXOM. Agora mesmo o POL limita bastante as posibilidades de expansión e crecemento de Burela e o que imos alegar é que se adapte o máximo posible ao plan xeral para que sexa o máis beneficioso para Burela e para os seus veciños”.

Pleno

O rexedor de Burela comentou algún dos asuntos que se abordarán no pleno ordinario previsto para mañá. Unha sesión na que se aprobará, se procede, dar nome ao tramo novo de rúa que enlaza de forma transversal as rúas do Mariñeiro e Monte Castelo. Ese treito duns 200 metros que “é unha prolongación de Monte Castelo recibirá o nome desta rúa por unha cuestión de funcionalidade, ainda que había outras alternativas enriba da mesa”.

Exit mobile version