Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela prepara unha ruta turístico cultural para divulgar o mundo do mar, as súas actividades e profesións

BURELA (FNC) .- Burela prepara unha ruta turístico-cultural para divulgar o mundo do mar e as súas actividades e profesións. Nas últimas horas o alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro con representantes da cofraría de pescadores, da asociación de redeiras e da xefatura territorial de Pesca para analizar o proxecto que lle plantexarán ao Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal.

O rexedor sinalou que “nós queremos impulsar un proxecto de turismo cultural ou do turismo do mar. Estivemos falando de potenciar o barco museo, o arquivo histórico da cofradía de pescadores, o arte das redes e tamén para divulgar de xeito directo ou a través dun vídeo o que é unha subasta de peixe. A intención é que a xente saiba o proceso que segue o peixe desde que sae do barco, pasando pola lonxa e que vexan o valor que ten e cales son os mercados aos que se dirixe”.

Llano tildou de moi interesante a iniciativa “para promocionar turísticamente Burela e penso que será tamén unha motivación para que os trens turísticos de FEVE paren máis tempo na nosa vila. Este ano imos propoñerlles esta idea para que estean máis horas con nós e poidan disfrutar deste novo proxecto que tentaremos poñer en marcha o antes posible. Queremos ofertalo a partires do vindeiro mes de xuño”. O alcalde de Burela contou que “o proxecto partiu da cofradía, das redeiras, da Consellería de Mar e do Concello para levar adiante algo que mereza a pena para ser visitado por moita xente, incluso a do noso municipio. Imos promover este proxecto a través do Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal posiblemente antes do 31 de marzo”.

Exit mobile version