Site icon Crónica3.com A Mariña

Buril organiza unha proxección e unha mesa redonda sobre as redeiras, “As mulleres que cosen o noso mar”

BURELA .- O colectivo cultural Buril organiza para o sábado 20 de marzo às cinco e media da tarde, no salón de conferencias de Burela, a proxección do documental “Redeiras” e, posteriormente, unha mesa redonda.

Nota de Prensa

REDEIRAS

O Colectivo Cultural Buril organiza para o próximo sábado 20 de marzo às 17h30 no salón de conferencias de Burela, a proxección do documental “Redeiras” e, posteriormente, unha mesa redonda na que intervirán Mª Jesús Alonso López (presidenta da asociación de redeiras “Cabo Burela”), Ángeles Millé Rodríguez e Rosa Rodríguez Vidal (secretaria e presidenta da federación galega de redeiras artesanais).

As redeiras son un colectivo de traballadoras que, día a día, traballan nos portos galegos elaborando e reparando mallas e aparellos pesqueiros.  A maior parte son mulleres que, coma moitas outras, comezan a súa xornada de traballo pola mañá cedo e rematan a última hora da tarde. Mais cómpre salientar que é o que fai que o seu traballo sexa moi diferente do de outras galegas. O feito de que sexan mulleres fixo que, durante moitos anos, o seu traballo fose pouco menos que “invisível” para as administracións coa perda de dereitos que iso conleva, ou que socialmente fose considerado como unha “axuda” do salario que se precisaba na casa.

Os datos oficiais falan dunhas 700 mulleres que se adican a este traballo na Galiza, mais estímase que o número pode case duplicarse tendo en conta as que traballan de xeito ilegal. Aquí é onde radica un dos importantes problemas deste colectivo, o intrusismo laboral, que fai que en moitos portos como o de Burela, Malpica, Laxe, A Guarda… o traballo non regulamentado e a economía submerxida xeren competencia desleal que provoca que as redeiras teñan uns ingresos moito menores e unha deficiente situación laboral.

Outro punto importante que se há de considerar é o referido á formación, pois este oficio require de moitos anos de aprendizaxe polo que unha das principais esixencias destas traballadoras é que se impulse a formación profesional e a mellora das condicións, de xeito de que o relevo xeracional sexa máis fácil do que é a dia de hoxe.

Alén disto, outra das problemáticas importantes é que non se lles recoñecen as doenzas que son derivadas da súa profesión (como por exemplo as dores cervicas ou as hernias discais), o que vén sendo outra das loitas diarias destas mulleres.

A Federación Galega de Redeiras naceu no ano 2004 e integra a 12 asociacións de toda Galiza, entra as que está a asociación de redeiras “Cabo Burela”. A partir de entón, estas mulleres camiñan xuntas para acadar a dignificación da súa profesión e saír da invisibilidade na que se atopan desde hai décadas, loitando contra o intrusismo profesional e a competencia desleal, reivindicando a mellora das condicións laborais, fomentando a formación e así axudar a garantir o relevo xeracional desta profesión que é fundamental na Galiza e da que moitas e moitos de nós somos descoñecedores.

Desde o Colectivo Cultural Buril, convidamos a todas as persoas interesadas en coñecer de perto o traballo deste colectivo de mulleres, tradición ancestral da nosa vila e do resto do país, a que asistan este sábado á proxección do documental e participen da mesa redonda na que as redeiras nos achegarán o seu día a día e o esforzos que realizan, e fican por realizar, por dignificar o seu traballo.

Exit mobile version