Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo perde unha subvención de 300.000 euros para o comercio por non cumprimentar os trámites, asegura o BNG

NOTA DE PRENSA:
O CONCELLO PERDE UNHA SUBVENCION DE 300.000 EUROS PARA MELLORA DO COMERCIO POR NON CUMPRIMENTAR TÓDOLOS TRÁMITES REQUIRIDOS

O goberno local está mais preocupado por facer oposición á oposición municipal que en xestionar melloras para o concello

O goberno local presentou solicitude en marzo de 2009 que despois non foi completada a requirimento da Xunta que agora denega a axuda de 302.000 euros para mellora e modernización de equipamentos comerciais

Cervo, 16 de marzo de 2010. O BNG denunciou a perda dunha subvención de 302.000 euros da Consellaría de Economía e Industria para a mellora e modernización de equipamentos comerciais incluída dentro das liñas Merca e Urbancomer para desenvolvemento do Plan de Renovación e Mellora do Comercio Galego. Os nacionalistas deron a coñecer a denegación por parte da Xunta desta axuda solicitada polo goberno local en marzo de 2009 que non foi completada a pesar dos requirimentos de documentación complementaria solicitados pola Consellaría de Economía e Industria en abril de 2009. Para o BNG a despreocupación do goberno local e a falla de xestión, e unha constante dun goberno local que está mais preocupado por facerlle oposición á oposición que en xestionar con eficacia os recursos públicos.

O apoio ao comercio nunca foi unha preocupación do goberno local de Cervo e seguen na mesma liña

Os nacionalistas criticaron a falta de apoio do goberno local ao comercio que xa desaproveitou a oportunidade nos últimos dous anos de solicitar as axudas para mellora e modernización do comercio galego nas liñas Urbancomer e Merca dispostas pola anterior Consellaría de Innovación e Industria que supuxeron un investimento nos últimos dous anos na comarca da Mariña de 700.000 euros. O BNG deu a coñecer a negativa da actual Consellaría de Economía e Industria para a concesión dunha axuda de 300.000 euros solicitada pola alcaldía en marzo do ano pasado que, de acordo co escrito remitido por este departamento autonómico o pasado 8 de marzo, non foi cumprimentado na súa totalidade.

O PP está mais preocupado pola oposición municipal que por xestionar eficazmente os recursos existentes

O portavoz municipal, Xoán Estúa, cuestionou a actitude do goberno local, “que gasta moitos mais esforzos e recursos en descualificar á oposición municipal que en xestionar con eficacia os recursos e posibilidades existentes para mellorar o concello e a calidade de vida da veciñanza”. Nesta liña enmarcou as críticas do alcalde ás denuncias presentadas polo nacionalista á falta de pago de empresas provedoras de materiais e servizos, “que están xerando recargos de demora e procedementos xudiciais que pagan o conxunto dos veciños” e insistiu en que o BNG vai seguir denunciando estes casos “por moito que lle moleste ao alcalde”. “Estúa aclarou que un goberno que se permite o luxo de gastar 6000 euros en 4 meses nun gabinete de prensa en exclusiva e 94.000 euros nos seus salarios, mentres devolve facturas tódolos días non traballa para os veciños, senón para o seu propio beneficio”

Os nacionalistas piden explicacións públicas pola perda dun investimento importante para o pequeno comercio

O nacionalista pediu explicacións públicas sobre a perda de investimento para apoio ao pequeno comercio local, “mentres o discurso monocorde do alcalde fala de abandono do bipartito e agora de goberno amigo que axuda, resulta que antes non se solicitaban axudas e agora que si se piden, non se conceden”. Compre saber cales foron os motivos polos que a alcaldía, unha vez presentada unha solicitude na que debe facer todas as xestións precisas para conseguila, frea a súa tramitación ao non responder ao requirimento de documentación complementaria e a conseguinte perda da subvención.

Exit mobile version