Site icon Crónica3.com A Mariña

Consensuaron no Parlamento instar á Xunta a crear un selo que identifique as redes das redeiras artesanais, explica o PP

Nota de Prensa

As tres forzas parlamentarias consensuaron unha Proposición non de Lei, a partir da presentada por José Manuel Balseiro, que ten por obxectivo dignificar o traballo deste colectivo e evitar o intrusismo e a competencia desleal

O PARLAMENTO ACORDA, POR INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, INSTAR Á XUNTA A IMPULSAR A CREACIÓN DUN SELO QUE IDENTIFIQUE AS REDES FABRICADAS POLAS REDEIRAS ARTESANAIS

* O portavoz de Mar dos populares, José Manuel Balseiro, salientou que o selo, demandado polas propias redeiras, “implicará unha triple garantía” en canto ao cumprimento da normativa de enmalle, a elaboración da rede por unha redeira legal e a calidade dos materiais, e “podería servir como base para establecer unha liña de axudas e vantaxes” para aqueles que empreguen as redes así identificadas nas súas embarcacións.

Santiago, 9 de marzo de 2010.- O Pleno do Parlamento galego acordou hoxe, por iniciativa do Grupo Popular, instar á Xunta a impulsar a creación dun selo que identifique as redes fabricadas ou amañadas polas redeiras artesanais. As tres forzas parlamentarias consensuaron unha Proposición non de Lei, a partir da presentada polo portavoz de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, que ten por obxectivo dignificar o traballo deste colectivo e evitar o intrusismo e a competencia desleal.

A iniciativa consensuada insta igualmente á Xunta a desenvolver as accións necesarias para a detección e denuncia das actividades clandestinas e irregulares que inciden negativamente nas rendas das redeiras legais, así como a deseñar políticas que permitan a promoción profesional das redeiras e poñer en valor os aspectos culturais, etnográficos e patrimoniais desta actividade. Así mesmo, propón a posta en marcha dun programa específico de inspección laboral para frear o intrusismo laboral e a precariedade no sector, impulsar e apoiar o asociacionismo e o cooperativismo no mesmo e elaborar un plan de dotación de infraestruturas en espazos portuarios para a realización, con criterios de habitabilidade, comodidade, seguridade e hixiene, os traballos vinculados a esta actividade, con bonificacións complementarias nas taxas ao Ente Público Portos de Galicia.

O portavoz de Mar dos populares, José Manuel Balseiro, salientou que o selo, demandado polas propias redeiras, “implicará unha triple garantía” en canto ao cumprimento da normativa de enmalle, a elaboración da rede por unha redeira legal e a calidade dos materiais, e “podería servir como base para establecer unha liña de axudas e vantaxes” para aqueles que empreguen as redes así identificadas nas súas embarcacións.

ATACAR O PROBLEMA DE RAÍZ

Balseiro fixo mención expresa á Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, constituída en novembro de 2004, que impulsou a fórmula elixida nesta iniciativa e da que destacou que é “un colectivo que traballa arreo para a dignificación desta profesión e a defensa dos intereses destas profesionais”. Para o deputado, a persistencia da situación de intrusismo e de falta de recoñecemento neste sector, “ademais de fomentar o traballo ilegal, de facer que moitas delas cambien de profesión na procura dun salario digno e de baixar a autoestima dunhas profesionais por realizar un traballo que non se valor, pode levar á desaparición deste oficio”.

Precisamente, representantes da Federación Galega de Redeiras, procedentes de todos os puntos de Galicia e, nomeadamente da Mariña lucense, presenciaron o debate desta iniciativa desde a tribuna do Público do Parlamento de Galicia, convidadas polo Grupo Popular quen quixo facerse eco das súas principais reivindicacións e  impulsar a acción  do Goberno na defensa deste colectivo de profesionais sen o que o mundo da pesca non sería posible, tal e como hoxe o entendemos.

Así, coa iniciativa do Grupo Popular preténdese “atacar o problema de raíz” para frear “os graves problemas de intrusismo e de invisibilidade das redeiras e atadoras”, así como para contribuír á mellora das condicións laborais das redeiras e a “garantir unha estabilidade nos ingresos por esta actividade”.

Exit mobile version