Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúan en Ribadeo os actos do Día Internacional da Muller con teatro e concursos de guións de cine

RIBADEO (FNC) .- Xa o 8 de marzo ás 11:30 horas no Auditorio Municipal a compañía Ónfalo representará Neuras, dirixida aos centros educativos. E ás 20 horas no mesmo escenario procederase á entrega dos premios aos 13 finalistas do concurso de guións cinematográficos, organizado dentro da quinta campaña Un futuro por compartir en igualdade. Ademais proxectarase a curta gañadora A princesa que quería ser muller, da que son autoras Yasmina Fernández Rivas, Tamara Braña Cendán e Lara Vázquez Rodríguez de 4º de ESO do IES Dionisio Gamallo Fierros.

O concurso de guións cinematográficos ía dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO do Concello de Ribadeo. Houbo un total de 18 guións presentados, co cal arredor de 54 alumnas/ os participaron neste concurso. A distribución de guións por centros educativos foi a que segue: 2 do Porta da Auga, 1 do PCPI, 6 do Sagrado Corazón e 9 Dionisio Gamallo Fierros.

Andamiaxe fixo unha preselección dos guións, quedando 5 guións finalistas que levarán cadanseu premio consistente nun lote formado por 1 camiseta promocional da campaña, 1 cómic, 1 DVD da curtametraxe e un vale de desconto de 20€ en tendas concertadas do concello de Ribadeo.

Durante a última semana de febreiro tivo lugar a rodaxe da curta seleccionada para a súa gravación, reproducción e difusión, e da que posteriormente se elaborará unha unidade didáctica para traballar co estudantado nos centros educativos. Nela participaron alumnas da súa clase 4º da Eso e do IES Gamallo Fierros, persoas de Ribadeo necesarias por esixencias do guión, e contouse coa colaboración de establecementos do Concello, como a ludoteca Dubidu, e o Café Pica.

Exit mobile version