Site icon Crónica3.com A Mariña

GAIA imparte charlas de educación ambiental no IES Perdouro de Burela

BURELA (FNC) .- A Aula de Educación Medioambiental Gaia está a desenvolver unha serie de charlas no IES Perdouro de Burela, segundo informa a concelleira Lucía Bouza.

A edil socialista explica que “se trata dunha serie de charlas de educación ambiental cos estudantes de 3º de ESO no IES Perdouro, de Burela. Esta actividade realizarase tamén no IES Monte Castelo”. As primeiras conferencias celebráronse a pasada semana e seguen hoxe 8 de marzo e os días 11 e 15 tamén do presente mes de marzo e 8, 12, 15, 19 e 22 de abril.

A concelleira de Medio Ambiente sinala que “o ciclo abarca un total de cinco charlas sobre varios temas: xestión sostible da auga, xestión eficiente dos residuos, cambio climático, mobilidade sostible e consumo enerxético. Este tipo de actividade é moi útil, segundo nós consideramos, posto que colaboramos cos centros de estudo na educación en valores medioambientais. Ademais, a información que reciben os estudantes, en moitos casos é trasladada despois aos seus fogares, polo que, indirectamente estamos a educar tamén a persoas adultas no respecto e coidado do medio ambiente”.

Lucía Bouza Por agradece “aos centros de ensino secundario a boa acollida que sempre nos mostran e a súa boa dispoñibilidade cara este tipo de actividades”. O IES Monte Castelo podería acoller este ciclo de charlas no vindeiro mes de maio, aínda que as datas están por concretar.

Exit mobile version