Site icon Crónica3.com A Mariña

Gandeiros lucenses foron a Somiedo co programa LugO2 da Deputación e viron como xestionar os residuos das explotacións

LUGO .- Gandeiros lucenses desprazáronse a Somiedo, Asturias, con fin de coñecer como xestionar os residuos das súas explotacións e comprobaron como a actividade agrogandeira contribúe á conservación dos espazos naturais sen menoscabo dos recursos naturais da zona. A visita enmárcase dentro do programa Lug02

NOTA DE PRENSA
Gandeiros da provincia coñecen en Somiedo como xestionar os residuos das súas explotacións con Lug02

– 50 titulares de explotacións luguesas visitaron o parque natural asturiano, onde comprobaron como a actividade agrogandeira contribúe á conservación dos espazos naturais sen menoscabo dos recursos naturais da zona

– A visita enmárcase dentro do programa de formación e asesoramento personalizado que o organismo provincial levou a cabo nos Concellos para axudarlles a diminuir o impacto da carga gandeira, dentro do programa europeo

– Con esta iniciativa, o organismo provincial aforra cartos ós gandeiros e axuda a que a súas explotacións sexan máis competitivas e rendibles economicamente

Medio cento de gandeiros da provincia visitaron este xoves o parque natural de Somiedo (Asturias), así como dúas explotacións ubicadas neste espazo protexido que constitúen un exemplo de integración de como unha correcta xestión de residuos é compatible co espazo natural. A visita enmárcase dentro do programa de formación e asesoramento personalizado que o organismo provincial levou a cabo en distintos Concellos para diminuír o impacto da carga gandeira que xeran as explotacións agrarias, e que fora presentado en Fonsagrada polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Gandeiría, José María Arias.

Este parque é un dos espazos máis representativos dos ecosistemas de montaña do norte da Península Ibérica, ademais dun excelente exemplo de vinculación da actividade tradicional de produción gandeira cun espazo natural. Foi creado en 1988, xa que anteriormente era unha reserva nacional de caza. Ocupa unha extensión de 30.000 hectáreas e atópase situado no suroeste asturiano. No ano 2000 foi declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO.

O obxectivo da visita é que os gandeiros poidan comprobar como a actividade agrogandeira contribúe á conservación dos espazos naturais sen menoscabo dos recursos naturais da zona. Pouco a pouco as explotacións foronse modernizando e facéndose máis grandes, pasando de 350 explotacións e 12 vacas por granxa no ano 1988, cando se creou, ás 180 granxas de hoxe en día, todas elas de carne, para un total de 6.500 cabezas de gando bobino. Se ben, hoxe non é extraño encontrar en Somiedo granxas con máis de 100 cabezas.

As explotacións que visitaron os gandeiros lugueses baséanse en sistemas extensivos tradicionais, de xeito que se empregan pastos comunais de xuño a novembro, e a especie utilizada case exclusivamente é a vaca “asturiana de los valles” ou “vaca roxa asturiana”, raza autóctona, resistente e moi ben adaptada ás duras condicións climatolóxicas e orográficas da montaña, e que proporciona unha carne de excelente calidade. Precisamente, este aumento, tal e como subliñou o Alcalde desta municipio, Belarmino Fernández, fixo que en 20 anos Somiedo fose o penúltimo Concello asturiano en termos de renda per capita á situarse na metade da táboa.

Precisamente, na última granxa que visitaron os gandeiros lugueses e que destaca por unha das máis destacadas da zona en canto ó número de reses, está previsto que participe na experiencia piloto que están a poñer en marcha os xestores deste parque natural, baseado na creación dunha pranta almacenadora dos xurros, que serán descompostos por lombrices, de xeito que como resultado se obteña unha compostaxe que podería ser comercializada.

Aforro de cartos ós gandeiros coa mellora da xestión dos residuos

A Deputación aforra cartos ós gandeiros, a través desta iniciativa, e consegue que as explotacións sexan máis competitivas logo dunha correcta xestión dos xurros. O gasto que supón para os agricultores a contratación de xestores de residuos en Galicia supera os 40 millóns de euros.

Este proxecto inclúese dentro da liña de actuación do programa europeo Lug02, que está dotada con 200.000 euros. O obxectivo desta medida é concienciar ós titulares das explotacións gandeiras de que unha correcta xestión dos residuos presenta vantaxas obxectivas para a propia explotación. Deste xeito, explicóuselles como poden reducir a cantidade dos residuos producidos, a través do cambio nas prácticas da explotación; o beneficio que ten a aplicación directa do xurro e do esterco como fertilizante para os cultivos; cales son as épocas máis recomendadas para a aplicación dos puríns; ou a obtención da compostaxe a través da combinación de residuos.

A acción formativa consistiu en conferencias informativas e nun asesoramento individual que se realizou porta a porta. Impartiuse nos meses de febreiro e marzo nos Concellos de Cervantes, Vilalba, Folgoso do Courel e Fonsagrada.

A aplicación de sistemas de xestión ambiental pode proporcionar ás explotacións claras vantaxas, xa que o sector gandeiro constitúe a principal fonte xeradora de residuos orgánicos. Esta mellora da xestión permite que as explotacións sexan máis competitivas, xa que a súa aplicación deriva nunha diminución do pago de taxas por volume de residuo contaminante emitido ó medio. Facilita, ademais, a adaptación das explotacións gandeiras á normativa vixente, o que conleva a evitar multas e sancións; obtención máis rápida na concesión de licenzas e permisos; e ó aumento de posibilidades para recibir axudas ou subvencións da administración para levar a cabo actuacións ambientais.

Exit mobile version