Site icon Crónica3.com A Mariña

Neves Cando asegura que a verbena do luns de Antroido foi suspendida por solidariedade co naufraxio do Ficha II

BURELA (FNC) .- A tenente de alcalde de Burela, Neves Cando, rexeita as últimas críticas verquidas polos populares sobre a verbena de antroido. A edil nacionalista asegura que ese acto do luns de carnaval se suspendeu como mostra de solidariedade coa xente do mar e como condolencia pola morte ese día do mariñeiro ribeirán do Ficha II, que naufragou a unhas millas da costa luguesa. Neves Cando acusa aos populares de mentir unha vez máis.

A tenente de alcalde burelesa sinala que “unha vez máis non podemos menos que rexeitar desde o equipo de goberno do Concello de Burela a irresponsable actitude do grupo municipal do PP á hora de facer crítica do que sexa, dicindo o que sexa e mentindo todo o que faga falla con tal de negar a evidencia de ter que recoñecer o traballo do equipo de goberno. Esto ven a conto da enésima crítica que os populares fixeron aos orzamentos de 2010. O PP non acepta estar na oposición e recoñecer que o mundo segue a funcionar sen eles no goberno. E non están na realidade do día a día de Burela e por iso descoñecen todo o que se fai no eido dos deportes, do comercio, da cultura, do turismo, da educación, dos servizos sociais…”.

Neves Cando considera que “o PP de Burela fala de oídas e iso ten o perigo de que se mete a pata con moita frecuencia, pero para eles todo vale con tal de criticar e con isto estoume a referir á ultima insinuación do PP sobre a suspensión da verbena de antroido por suposta falta de pago da orquestra. Como para os populares todo vale con tal de criticar nin sequera se molestaron por preguntar por este asunto no último pleno, pero eu voulles explicar todo para que os veciños e veciñas de Burela coñezan aínda máis da caradura política desta xente que representa a oposición na Corporación Municipal. A verbena do luns de antroido foi suspendida esa mesma tarde por decisión do equipo de goberno en sinal de solidariedade coa xente do mar e condolencia pola morte esa xornada do mariñeiro ribeirán do Ficha II, pero eso é algo que o PP non puido saber ni quixo saber porque ese día non fixo nin acto de presenza no porto, algo que nos agardabamos do seu portavoz o señor González Barcia, que xa non vive por aquí. Só a última hora apareceron para facer comparsa da conselleira do Mar que chegou a Burela e aquí sí apareceron dous representantes populares. Pero como todo vale aquí queda esa mentira para tratar de xustificar o inxustificable”.

A edil nacionalista engade que “os señores do PP non teñen razóns obxectivas para criticar os orzamentos municipais de 2010 e buscan as mentiras para enlodar a vida política municipal, porque a realidade é que sacamos adiante uns presupostos austeros, racionais e equilibrados, uns orzamentos que, a pesares da baixada dos ingresos, seguen a apostar por mellorar e ampliar os servizos que ofrecemos aos nosos veciños e veciñas e que, mal que lles pese aos señores do PP, van resultar satisfactorios a nivel económico”. Neves Cando subliña que “a realidade ao final sempre da a razón a quen a ten e deixa en evidencia a quen mente e descualifica sen xeito e esto é o que vai pasar co PP de Burela cando vexa o resultados das contas municipais do ano pasado, do 2009. Despois de todo o que dixeron, criticaron e manipularon van ter que recuar e recoñecer o traballo, a xestión e os logros do equipo de goberno de Burela. E iso sí, se o PP de Burela non se entera diso porque non lle chega a onda nós xa os informaremos para que non metan máis a pata como fixeron coa verbena do antroido”.

Exit mobile version