Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde convidou ao Presidente da Xunta a visitar Burela

BURELA (FNC). O alcalde de Burela, Alfredo Llano, convidou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a visitar Burela. Fíxoo no encontro que ambos mantiveron onte en Santiago. O rexedor expúxolle dúas datas, “o domingo das festas patronais en xuño para que participe na procesión marítima ou en agosto na feira do bonito”.

Alfredo Llano saíu satisfeito da xuntanza de onte e explicou que “lle deixei alí as miñas peticións por escrito…falamos de moitas cousas: do aumento do porto de Burela do plan director que xa está en marcha, do porto deportivo, dunha actuación moi importante para a vila que é o abastecemento de auga, do PXOM, do POL e das alegacións que estamos pensando en presentar”.

O rexedor sinalou que “tamén falamos do hospital… e ratificoume a xerencia única e dixo que se van facer xa obras este ano na cuberta e nalgún punto máis. Tamén me referín á crise e á posibilidade de que ampliasen os plan de cooperación para que os Concellos conten con máis prazas e así poder ofertar máis postos de traballo, tamén da formación e da importancia que teñen os obradoiros, algo que é moi demandado desde a poboación”.

As infraestruturas estiveron presentes na xuntanza de onte en Compostela. Llano contou que “lle pedin que as apuren ao máximo tal e como lle temos plantexado xa ao goberno central. Referinme aos polígonos industriais e ás incidencias que podería ter neles o famoso corredor. E faleille das chuvias que houbo a finais de xaneiro para que se axilicen as axudas de cara a corrixir canto antes os danos causados por ese temporal”.

Exit mobile version