Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo enterouse pola prensa de que a Xunta protexerá o conxunto arquitectónico de Rinlo

RIBADEO (FNC) .- O goberno municipal recibiu con estupor a aprobación no parlamento dunha iniciativa do PP na que se insta á Xunta a adoptar todas as medidas necesarias para proceder á protección integral do conxunto arquitectónico de Rinlo. O alcalde, Fernando Suárez, agarda polas explicacións que concreten ese proxecto do que tiveron coñecemento a través dos medios de comunicación.

O rexedor comentou que “asistimos con certo estupor a unha proposta que foi aprobada no parlamento hai dous días por parte do PP, na que se insta ao goberno galego a adoptar todas as medidas necesarias para proceder á protección integral do conxunto arquitectónico de Rinlo. Inicialmente nós como goberno municipal non temos nada que obxectar xa que Rinlo é un lugar de preferencia turística, pódeselle sacar máis partido ao casco vello, a esa construción arquitectónica que co paso do tempo a xente do común, os mariñeiros, os labregos de Rinlo foron construíndo, edificando…”.

Suárez Barcia cre que “desde o goberno municipal de Ribadeo temos dado sobradas mostras de querer recuperar este enclave magnífico e marabilloso, de aí que hai tres anos conseguísemos un proxecto para pintar as fachadas do casco vello de Rinlo con moi boa acollida por parte dos veciños porque a Xunta sufragou o 80% destas actuacións; tamén conseguimos que a Xunta a instancias do Concello acordara a creación e a declaración de Área de Rehabilitación Integral para Rinlo e por conta deso hai uns días acabamos de asinar o primeiro convenio de rehabilitación con diñeiro que porá o Ministerio, a Xunta e máis o Concello, tanto para obra privada como pública; hai tamén dous anos desde o Concello tramitamos con Costas a recuperación das cetáreas, que se estaban a deteriorar co paso do tempo…”.

Antipatías

O alcalde engadiu que “agora asistimos con certo estupor a adopción deste acordo sen ter para nada en conta a opinión do Concello, sen comunicarnos nada porque nos enteramos pola prensa. Nós non somos partidarios de que as cousas se estraguen, senón que hai que potencialas, revisalas e marcar unhas directrices, pero entendo que si esto hai que facelo hai que facelo de acordo, primeiro co Concello porque somos os representantes lexítimos de todos os veciños, e en segundo lugar cos veciños de Rinlo. Eu creo que cando as cousas se impoñen igual teñen pouco recorrido, pero si se explican igual poden contar coa conivencia e o apoio dos propios veciños de Rinlo”.

Fernado Suárez sinalou que “dáme medo que se faga esto de tapado, que non se advirta para nada ao Concello de Ribadeo destas intencións da Xunta de dar unha serie de medidas de protección integral, porque as medidas de protección tamén levarán aparelladas limitacións de construción, de rehabilitación… que si se explican ben quizais a xente as poida asumir de bo grao, porque senón poderían xurdir determinadas antipatías por parte dos veciños que son os que conservan a propia parroquia de Rinlo”.

O alcalde ribadense anunciou que “como goberno municipal quedarémonos á espera do que esto signifique porque temos as nosas dúbidas, porque realmente non concretan si van a aprobar un BIC (Ben de Interese Cultural), si van declarar Rinlo como zona extremadamente polo POL…o Concello non terá ningún problema en colaborar coa Xunta, porque ata o de agora sempre se fixo, pero estas cousas se deben levar da man do Concello de dos veciños para que cheguen a algo positivo, non queremos que cheguen a conflitos que para nada queremos promover”.

Exit mobile version