Nota de Prensa
O CONCELLO DE CERVO E O CD BURELA FS ASINAN UN CONVENIO MARCO DE COLABORACIÓN PARA A PROMOCIÓN DO FÚTBOL SALA
Cervo, 15 de marzo de 2010.- O concelleiro de Deportes do Concello de Cervo, Rubén Fernández e o director das escolas deportivas do CD Burela FS, Alfonso Mera, acompañados polos responsables das Escolas Deportivas Municipais, participaron no día de hoxe no acto protocolario da firma do convenio de colaboración que unirá ao club mariñao co Concello de Cervo.
O acordo persegue a “promoción do fútbol sala, facendo fincapé na aposta por unha práctica deportiva saudable e na aprendizaxe de calidade”, tal e como indicaron os promotores da proposta. As liñas de actuación do convenio van dirixidas a “consolidar a práctica do fútbol sala, á vez que se organizan encontros e sesións de traballo con profesionais pertencentes ao CD Burela FS, co fin de achegar a realidade do deporte de elite á mocidade de Cervo”, segundo declarou Rubén Fernández.
Pola súa parte, o representante do club laranxa quixo salientar a “excelente relación” existente entre a entidade deportiva e o Concello de Cervo “o que propicia un entorno de traballo eficiente e positivo para os nenos e nenas deste municipio interesados na práctica do fútbol sala” sinalou Mera.