Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello entregará de xeito gratuíto 200 perlizadores para reducir o consumo de auga entre os ribadenses

RIBADEO (FNC) .- O Concello entregará nos vindeiros días de xeito gratuito 200 perlizadores para reducir o consumo de auga entre os ribadenses. Os interesados poden solicitalos na Axencia de Sostibilidade, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Medio Ambiente.

Horacio Cupeiro suliñou que “hoxe celébrase o día mundial da auga que este ano fai especial fincapé na súa calidade. Nós en Ribadeo imos distribuir gratuitamente 200 perlizadores e 200 reductores de caudal co ánimo de reducir a cantidade de auga que habitualmente gastamos. Os cidadáns que desexen estes aparellos poden pasar pola Axencia de Sostibilidade de Ribadeo acompañados da última factura da auga para ver o vindeiro ano si a campaña de sensibilización da resultado e continuar así en anos sucesivos”. O edil nacionalista lembrou que “tamén fixemos 1.000 folletos informativos para repartir entre os colexios e entregamos 1.000 cds onde se incluía unha guía de boas prácticas”.

Cupeiro explicou que “desde a Delegación de Medio Ambiente o que pretendemos é que os veciños fagan un uso racional da auga como ben escaso que é. Todos sabemos os problemas que sofren as zonas nas que chove pouco e aquí hai anos de sequía e temos que ir habituándonos a facer un uso racional da auga”.

O responsable do Medio Ambiente en Ribadeo tamén anunciou que os actos do día mundial da árbore celebraránse o xoves día 25 de marzo “por expreso desexo dos colexios”.

Exit mobile version