Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de Medio Ambiente estará na entrega de 14 vivendas sociais de Riocobo

CERVO .- O conselleiro de Medio Ambiente virá a Cervo a entregar 14 vivendas construídas en Río Cobo pola Xunta de Galicia. Explican desde o Concello de Cervo que o proceso para a construción das vivendas iniciouse o 18 de novembro do 2004, e seis meses despois, o 20 de maio de 2005, publicaronse no Diario Oficial de Galicia as bases do concurso, que contaban cun prazo de execución de 20 meses.

Nota de Prensa

Os 14 chalés adosados foron adxudicados o pasado mes de xullo

AGUSTÍN HERNÁNDEZ ASISTIRÁ O LUNS Á ENTREGA DAS VIVENDAS SOCIAIS DE RÍO COBO

* Con este acto rematan os trámites iniciados polo Goberno autonómico de Fraga o 20 de maio do 2005, data de licitación das obras

* O grupo de Goberno de Cervo lémbralle ao BNG local que os atrasos sufridos neste proceso débense “única e exclusivamente” á inoperancia dos nacionalistas á fronte da Consellería de Vivenda no Goberno bipartito

Cervo, 20 de marzo de 2010.- O grupo de Goberno local do Concello de Cervo confirmou que o vindeiro luns, 22 de marzo, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, estará presente en Cervo para presidir o acto oficial de entrega das 14 vivendas unifamiliares construídas en Río Cobo pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Neste senso os membros do equipo de Goberno local quixeron saír ao paso das criticas do voceiro nacionalista na corporación, Xoán Estua, nas que aseguraba que ditas obras foran executadas pola anterior Consellería de Vivenda e Solo e nas que acusaba aos populares de dilatar o seu proceso de adxudicación.

Segundo os responsables municipais, as criticas do BNG non fan máis que poñer de manifesto “a continua estadía na demagoxia e no engano” desta formación política. Lembraron que o proceso para a construción destas vivendas sociais de promoción pública iniciouse o 18 de novembro do 2004, cando o Instituto da Vivenda e Solo presentou o proxecto que orixinariamente ía dirixido a menores de 35 anos.

Posteriormente, o 20 de maio de 2005, o Diario Oficial de Galicia recollía as bases do concurso de licitación destas obras, que contaban cun prazo de execución de 20 meses. “Eles o que fixeron foi limitarse a executar un traballo que deixou listo e orzamentado o anterior Goberno do Partido Popular, e a pesares disto non foron capaces de ter rematadas as vivendas en xaneiro do 2007 cando deberían, nin foron capaces de arranxar tódolos trámites administrativos necesarios para entregalas aos seus adxudicatarios durante os catro anos nos que estiveron con responsabilidade na Xunta” recalcaron os componentes do Goberno local.

“Sentimos moito que lle pareza mal ao voceiro do BNG o acto do luns, pero temos que lembrarlle que nin o conselleiro Hernández, nin o Grupo de Goberno local temos culpa da inoperancia e da ineptitude amosada polos compañeiros do seu partido en todo este asunto. Por moito que lle pese, o señor Estua ten que admitir que tivo que ser un Goberno do PP quen arranxara tódolos atrancos administrativos e desbloqueara unha situación que nin el nin os seus compañeiros de partido foron capaces de solucionar en catro anos” afirmaron.

Os concelleiros do Goberno local de Cervo tamén lle recomendaron a Estua “máis tranquilidade” nas súas reivindicacións de novas vivendas de promoción pública no termino municipal e lembraronlle que nos anos de Goberno bipartito os nacionalistas non proxectaran ningunha vivenda. “Pode ter a seguridade que tanto o Goberno municipal coma a Xunta de Galicia imos a traballar para facer posible que Cervo poda dispoñer de máis vivendas de promoción pública, cousa moi necesaria e que desgraciadamente se esqueceu de reivindicar nos catro anos que estiveron os seus compañeiros de partido á fronte da Consellería de Vivenda” recalcaron os integrantes do Goberno local dirixíndose ao voceiro nacionalista local.

Exit mobile version