Site icon Crónica3.com A Mariña

O responsable municipal de Turismo valora como positiva a presenza de Burela na feira Xantar de Ourense

González Legaspi e Neves Cando recibiron ao presidente da Xunta no stand de Burela

BURELA (FNC) .- O concelleiro de Industria, Comercio e Turismo, José González Legazpi valora de xeito positivo a presenza de Burela en Xantar 2010. O edil nacionalista destaca a “exitosa  participación en Xantar 2010 do Concello de Burela onde o pasado sábado tivo lugar o día máis significativo para a nosa vila, xunto con Asturias e o Concello de Avilés”. González Legazpi tamén suliñou “a  degustación do bonito de Burela, preparado polos profesionais do Centro de Hostalaría Villamarín ubicado coa denominación de Restaurante Xacobeo. Un acto no que participou o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e unha degustación que tivo unha importante acollida de público e un resultado extraordinario na súa preparación a xulgar polos presentes que saborearon o preciado príncipe azul”.

O concelleiro de Turismo tamén aludiu “á visita que cursou ao stand de Burela o presidente da Xunta, co que puidemos conversar Neves Cando e máis eu, e intercambiamos opinións sobor da importancia da divulgación turística para os Concellos, as necesidades de apoio cara a consecución das políticas positivas neste ámbito , así como sobre a celebración da festa do Bonito en Burela no mes de agosto a que convidaron ao presidente  da Xunta”.

José González Legazpi considera que “alí onde  se atopa a torta de queixo de La Serena, o xamón da Dehesa de Extremadura, a repostería de Avilés, ou mesmo as cofradías dos viños de Tenerife ou Canarias, por poñer uns exemplos, non pode faltar, e debe de estar o bonito de Burela. Iso nos favorece cara a potenciación da nosa gastronomía e valoriza ao Concello de Burela como destino turístico de forma importante dentro da nosa comarca e determina tamén a nosa presenza nos medios vencellados a este interesante Salón Galego da Gastronomía e o Turismo e por tanto afianza as nosas posibilidades de desenvolvemento”.

O responsable de Turismo en Burela engade que “seguiremos dende esta Delegación a desenvolver políticas cara a consecución dun escenario competitivo en materia turística convencidos de que, a pesares da situación actual de transformación económica, unha parte importante da sociedade seguirá a dedicar  parte dos seus recursos ao sector turístico no ámbito da súa diversidade e por tanto o Concello de Burela debe atoparse dentro de ese escenario positivo para a potenciación do seu turismo gastronómico, cultural e histórico primordial para as economías dos municipios e relevante para Burela cara ao seu distinguido posicionamiento dentro da comarca de A Mariña”.

Exit mobile version