Site icon Crónica3.com A Mariña

O Dereito do revés

Ao longo dos últimos días, e como reacción ao procesamento de D. Alfonso Fuente Parga, alcalde de Barreiros, por presunta prevaricación urbanística, o señor Balseiro acabou por poñer o Dereito do revés. Non contento coa realidade, cos feitos contrastados, ao deputado autonómico do PP, non sei se deG ou deGB, doulle por denunciar publicamente a D. Antonio Veiga Outeiro.
E é que a este mozo barreirense ocorréuselle poñer en coñecemento dos organismos encargados de velar polo cumprimento da legalidade urbanística as actuacións levadas a cabo polo señor Fuente Parga, e polos compañeiros de partido, que co seu voto na Comisión de Urbanismo aprobaron licencias de obra informadas negativamente pola secretaria do concello mariñán.
Xa o verán pasado outro importante membro do PP(deGB?), a señora Ana María Díaz López, aínda hoxe Directora Xeral de Traballo, amosou a mesma actitude arrogante e ben rechamante no mundo do Dereito. Foi denunciada por despedimento improcedente. A sentenza emitida condenouna por tales feitos. Pois ben: a señora Díaz López reaccionou ameazando á vítima de tal atropelo laboral con querelarse contra ela se non se retractaba publicamente de tales “inxurias” (manda truco, unha sentenza firme cualificada de inxuria!).
Neste caso ocorre o mesmo: o alcalde de Barreiros está a ser procesado. Postos en coñecemento público unha serie de feitos, a fiscalía decide emprender accións legais. Especular agora con quen puido ter aportado datos relevantes para a investigación, ou acusar ao señor Veiga Outeiro de paralizar a construción en Barreiros (u-la a crise señores do PP?), é de vergoña.
Aos señores e señoras do PP sempre se lles fai a boca auga pedindo dimisións por ter que ir declarar a un xuízo, ou por ter sido procesado, ou… polo que for! Pero cando lles toca a eles… toca mirar cara a outro lado. E tamén soltar o chorro de tinta, como a lura, e despistar. Por iso acusan a Antonio Veiga de mil e unha falcatruadas. Porque saben que tiña razón; el e as xentes do BNG de Barreiros que sempre loitaron contra a especulación urbanística e o deterioro da súa paisaxe e calidade de vida.
Ofenden á memoria histórica querendo procesar a quen quere investigar, como no caso do señor Garzón; pero ante feitos manifestos, de hoxe mesmo, queren tapalo todo para que nada se saiba. Semellan o partido da ignorancia permanente. Non se acaba de entender como algunhas xentes que ata hai pouco participaban da defensa do litoral agora recúan e están dispostos a pactar o urbanismo cun partido que dá mostras en moitas ocasións de consentir a destrución da nosa paisaxe e calidade de vida cun deseño urbanístico á carta para cada concello. Que o PSdeG vacile neste tema non presaxia nada bo, por moito que queiran xustificalo coa suposta salvación de Touriñán (nada clara por outra banda). E que o PP nomeara a Da. María Martínez Allegue como directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, substituíndo a D. Hipólito Pérez, non presaxia nada bo. Suponse que esta señora, curtida nas mil e unha artimañas para dilatar a interpretación da legalidade urbanística en beneficio dos feitos consumados, vai defender un urbanismo racional. Diso, no concello de Tui, saben un bo anaco.
Farruco Graña

Exit mobile version