Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o PP que o director xeral de Industria da Xunta di que o goberno do Estado bloquea a rede de gas natural á Mariña

NOTA DE PRENSA

Así  o confirmou o  director xeral de Industria Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, en respostas a preguntas do deputado popular Jose Manuel Balseiro no transcurso da Comisión 6ª  do Parlamento de Galicia celebrada  no día de hoxe

O GOBERNO CENTRAL  BLOQUEA O DESPREGAMENTO DA REDE DE GAS NATURAL NA MARIÑA LUCENSE

* O Executivo socialista debera ter adxudicado no 2008 a  construción do gasoduto da Mariña, a través do que se subministraría esta enerxía aos fogares e empresas da nosa  comarca.

* A Xunta comprométese a impulsar plantas gasistas  secundarias, como a prevista  para o subministro da multinacional Alcoa, co obxecto de evitar que o incumprimento do Goberno central prexudique aínda máis o despregamento  desta nova  rede  de enerxía.

Santiago, 12 de marzo de 2010.- O Goberno central bloquea o despregamento da  rede de gas natural na Mariña lucense. Así o explicou no día de hoxe o director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Bernardo Tahoces, en resposta  a unha iniciativa parlamentaria promovida por Jose Manuel Balseiro Orol. O alto cargo da Consellería de Economía e Industria confirmou que malia que o Executivo socialista debera ter adxudicado  no ano 2008 a construción do gasoduto da Mariña, a través  do que se subministraría  esta  enerxía aos fogares  e empresas da nosa  comarca,  esto non se ten  feito.

Na súa comparecencia na Comisión 6ª, de Industria, do Parlamento de Galicia Bernardo Tahoces confirmou que ao longo dos últimos anos tiveron lugar múltiples encontros entre responsables da Xunta de Galicia  e o Goberno central co obxecto de buscar as  fórmulas para  axilizar o despregamento deste  nova rede gasista pero, pese  aos compromisos adquiridos formalmente pola administración central, non cumpriron os prazos establecidos: Nin  adxudicaron o gasoduto de Guitiriz antes de  rematar o 2009, nin unha vez incumprida a data inicial, removeron os obstáculos que dificultan  a adxudicación definitiva da rede de distribución de gas na Mariña lucense.

INFRAESTRUCTURA ESTRATÉXICA

Na súa resposta á  iniciativa que defendeu Balseiro Orol, a Xunta insiste en  atribuír un carácter estratéxico a rede de distribución de gas natural na Mariña lucense. Xa non só polas vantaxes que para o consumo nos fogares  implica este  novo combustible, máis seguro, menos contaminante e máis  útil de distribuír, senón tamén e, sobre todo, porque podería ser empregado pola principal empresa industrial de Galicia, Alcoa, reduncindo así o gasto  de  xeración de enerxía  e as emisións de CO2  á atmosfera, algo obrigado  pola lexislación actual. Supón polo tanto –subliñan desde o PPdeG- unha infraestrutura básica e moi útil para a permanencia e continuidade do proxecto industrial da multinacional do aluminio.

RESTRICIÓNS ORZAMENTARIAS

O Goberno galego atribúe  ás restriccións  orzamentarias que desenvolve o Exeuctivo central en algúns dos Ministerios este bloqueo á posta en marcha do gasoduto da Mariña. Parece evidente, cando se trata de recortar gastos, os socialistas empezan por prexudicar a Galicia e moi especialmente á comarca mariñá. O director xeral de Industria afirmou tamén que son tres as empresas interesadas en facerse cargo da posta  en marcha e xestión do gasoduto e que precisamente esta concorrencia de ofertas serve de escusa ao Goberno central para non levar adiante esta  actuación e iniciar  os traballos de construción da rede. Neste caso, tan só falamos dunha xustificación inventada por parte dos socialistas xa que a lei establece taxativamente  que cando se trata dun gasoduto destas características (de grande importancia estratéxica e elevada presión) debe ser  desenvolto con urxencia pola empresa ENAGAS.

A XUNTA TOMA A INICIATIVA

Á luz do explicado e  evidenciado o incumprimento o Grupo Popular non descarta promover novas medidas de presión  dirixidas ao Goberno central para que cumpra coa  súa obriga de poñer en  marcha o gasoduto da Mariña. En todo caso, a Xunta de Galicia xa adiantou, da voz do seu director xeral de Industria, Enerxía e Minas, que desenvolverá todas as plantas e infraestruturas gasistas secundarias, como e a prevista para o subministro da multinacional Alcoa, co obxecto de evitar que o incumprimento do Goberno central prexudique aínda máis o despregamento  desta nova  rede  de enerxía na Mariña.

Exit mobile version