Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG en Ribadeo asegura que seguirá a garantir procesos de contratación transparentes

Nota de Prensa

COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO

Cando a Asemblea Local do BNG de Ribadeo aprobou as listas coas que esta organización concorreu ás pasadas eleccións municipais escolleu ás mellores candidatas e candidatos. Así o referendou o electorado erixíndonos en primeira forza política. Lonxe de eludir responsabilidades, o grupo municipal do BNG asumiu o reto de gobernar o Concello en situación de minoría. Nin as actitudes inmaduras e de desquite da oposición amedrentaron aos membros do BNG cando lle quixeron retirar o soldo pola súa dedicación exclusiva a Fernando Suárez Barcia. Con comportamentos coma este, algúns membros da Corporación xa anunciaban ben ás claras que tipo de oposición ían facer.

O grupo de goberno traballou arreo ao longo da lexislatura. Non se puideron sacar adiante todos os proxectos, pero aínda queda un ano por diante de mandato, mal que lles pese a algúns, para completar o máximo posible a lista de obxectivos a acadar. Ben sexa desde o propio Concello, ben mediando coas administracións provincial, autonómica ou do goberno central, o equipo de goberno do BNG logra resultados que están á vista de todas e todos. E sabe tender a man para conseguir consensos que permitan sacar adiante importantes proxectos.

Nas últimas semanas púxose en marcha a fase de precomercialización das parcelas do polígono industrial de Ribadeo, aprobouse unha nova fase de rehabilitación do Casco Vello e a primeira do núcleo de Rinlo, estase a avanzar no proxecto de dotación de banda ancha nas parroquias a través da Asociación de Concellos da Reserva da Biosfera Oscos-Eo Terras de Burón; tamén se fixeron propostas para manter e potenciar a actividade do porto de Mirasol, analizamos (con todos os grupos municipais e a Xunta) o impacto do POL na nosa costa, seguimos mellorando as dotacións de locais e espazos públicos nas nosas parroquias, potenciamos as políticas de igualdade e tamén as de atención aos nosos maiores.

Mentres tanto, ás veces, uns ou outros, a oposición xoga a destruír os logros acadados. Confunden propostas alternativas, lexítimas, con prexudicar gravemente inversións xa aprobadas para Ribadeo. A boas horas se lle ocorreu a algúns membros da corporación que é mellor facer un centro de día por aquí e un albergue por alí. O caso é desgastar ao goberno municipal. E onde dixen digo, digo Diego. Se hai pouco máis de tres anos algúns aprobaban inicialmente unha ordenanza contra os ruídos nocturnos, pois agora non lles vale porque non a aproban eles e xa está.

Tamén confunden control e demanda de transparencia con pura e descarnada difamación. Con mentiras chocalleiras, propias de bonecos de palla, calúmniase e cuestiónase a honorabilidade de traballadores e traballadoras só porque non pensan coma eles. De novo lles lembramos a todo o pobo de Ribadeo que, desde hai tres anos, os procesos de selección de persoal que se fan no Concello de Ribadeo realízanse mediante probas baseadas nos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade; son publicitadas segundo a normativa vixente; os tribunais están compostos por funcionarios (e non por cargos políticos, moito menos do Concello). Pero todo isto semella insuficiente para algúns individuos que se din de esquerdas e progresistas. Case parece que queiran dicir que, aos que non pensan coma eles, hai que lles poñer unha marca entre as cellas.

Fronte a estas actitudes, o grupo municipal do BNG seguirá a garantir procesos de contratación transparentes. E seguirá a traballar arreo polo Concello. Outros, mentres tanto, andarán de andrómena en andrómena.

Exit mobile version