Site icon Crónica3.com A Mariña

O responsable e Deportes da Deputación presentou o “Torneo de Basket Feminino Lourenzá en Xogo”

LOURENZÁ .- O delegado de Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, acompañado polo alcalde de Lourenzá, Vidal Martinez, presentou o VII Torneo de Basket Feminino “Lourenzá en Xogo”, competición que se desenvolverá no pavillón polideportivo da localidade entre os días 31 de marzo e 3 de abril.
Nota de Prensa

A ÁREA DE DEPORTES DA DEPUTACIÓN PROMOVE O VII TORNEO DE BASKET FEMININO “LOURENZÁ EN XOGO”

A Área de Deportes da Deputación segue mantendo o apoio á organización deste tipo de eventos que impulsan a práctica deportiva e teñen un forte impacto socioeconómico na zona

Antonio Veiga, delegado de Deportes da Deputación, destacou a importancia de organizar actividades e competicións que favorezan a implantación e dinamización do deporte feminino en todas as comarcas lucenses

LUGO, 17 de marzo de 2010. Esta mañá , o delegado de Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, presentou en Lourenzá o VII Torneo de Basket Feminino “Lourenzá en Xogo”, competición que se desenvolverá no pavillón polideportivo da localidade entre os días 31 de marzo e 3 de abril. No acto de presentación, celebrado esta mañá na Casa do Concello de Lourenzá, estiveron, ademais do delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, o rexedor municipal, Vidal Martínez Sierra, o xefe territorial da Secretaría Xeral para o Deporte, José Manuel Rozas, o secretario técnico da sección de baloncesto das escolas deportivas de Lourenzá, Juan Nécega, e Rubén García Piñeiroá, técnico municipal de Deportes do Concello de Lourenzá.

Na súa intervención, Antonio Veiga manifestou o compromiso da Área de Deportes da Deputación para a organización, ao igual que noutras ocasións, da VII edición deste torneo de baloncesto feminino e destacou a importancia de organizar actividades e competicións que favorezan a implantación e dinamización do deporte feminino en todas as comarcas lucenses. Veiga remarcou que “a Deputación de Lugo é unha das que máis inviste en deporte en todo o Estado e, mentres que a tendencia doutras administracións en Galiza é reducir ou suprimir o financiamento destinado á organización de eventos e competicións deportivas, a Área de Deportes da Deputación segue mantendo o apoio á organización deste tipo de eventos que impulsan a práctica deportiva e teñen un forte impacto socioeconómico na zona, xa que supoñen unha importante fonte de ingresos para sectores como o turístico e o hostaleiro”.

Nesta última edición do “Lourenzá en Xogo”, cuxo orzamento xira ao redor de 20.000 euros, participarán, ademais de 4 equipos de Galiza, un total de 16 equipos de diversos lugares do Estado, con presenza de sociedades deportivas do País Vasco, de Madrid, da Comunidade Valenciana, de Castela e León ou incluso dos territorios insulares das Illas Baleares e as Canarias. En total, desprazaranse a Lourenzá preto de 300 xogadoras das categorías cadete, júnior e sénior que nos tres días de competición disputarán máis de 40 encontros.

A organización desta competición, ademais do apartado meramente  deportivo, supón para Lourenzá unha importante inxección económica, sobre todo no que respecta aos sectores da hostalería e turismo, que ven no Lourenzá en Xogo unha oportunidade e un inestimábel recurso económico.

Exit mobile version