Site icon Crónica3.com A Mariña

“Palilleo Solidario” en Cervo para recadar fondos para Haití e Chile

CERVO .- Servizos Sociais do Concello de Cervo organiza sábado o festival “Palilleo Solidario” en colaboración coa asociación cultural Airiños do Xunco, na prazoleta de San Ciprián a partires das oito da tarde, co fin de recadar fondos para os damnificados dos terremotos de Haití  e Chile.

Nota de Prrensa

O CONCELLO ORGANIZA MAÑÁ UN FESTIVAL SOLIDARIO EN FAVOR DE HAITÍ  E CHILE

Cervo, 26 de marzo de 2010.- A concellería de Servizos Sociais do Concello de Cervo organiza mañá en colaboración coa asociación cultural Airiños do Xunco o festival “Palilleo Solidario”.

O festival terá  lugar na prazoleta de San Ciprián a partires das oito da tarde e ten por obxecto recadar fondos para os damnificados dos terremotos de Haití  e Chile. Nel participarán o mago Jorge Manchado, as cantareiras de Airiños do Xunco e o grupo Batuko Raventola.

Os asistentes que o desexen poderán aportar os seus donativos nunhas huchas que estarán distribuídas en distintos puntos da prazoleta. “Pensamos que sería unha boa idea aproveitar a celebración do encontro de palilleiras para potenciar a cuestación posta en marcha a principios de mes xunto coa Unidade Pastoral e por iso organizamos este festival” indicou Pilar Armada, delegada de Servizos Sociais de Cervo.

A concelleira de Servizos Sociais agradeceu a colaboración desinteresada dos artistas participantes no festival e aproveitou para facer un chamamento aos cervenses para que colaboren “na medida da medida das súas posibilidades” con esta iniciativa “que ten por obxecto aportar o noso grao de area á xente de Haití e Chile que nestes momentos precisa de axuda”.

Os cartos recadados mediante esta cuestación popular serán doados á ONG Cáritas para que sexan destinados á axuda destes dous países.

Exit mobile version