Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo asinou un convenio para fomentar o voluntariado na entrada a Galicia do Camiño Norte

RIBADEO (FNC) .- O Concello asinou un convenio coa Consellería de Traballo e co Xacobeo para fomentar o voluntariado neste 2010 na porta norte de entrada a Galicia a través do Camiño Norte.

O rexedor explicou que “asinamos un convenio entre a Consellería de Traballo e Benestar, o Xacobeo e o Concello de Ribadeo, xunto con outros municipios máis dos diferentes camiños de Santiago para fomentar o voluntariado neste 2010, ano xacobeo”.

Fernando Suárez sinalou que “como porta norte de Galicia polo Camiño Norte Ribadeo sempre ten unha presencia fundamental no Camiño e non queríamos deixar de colaborar este ano coa Xunta para dar información e asesoramento aos peregrinos a través dun sistema de voluntariado. Para iso asinamos este convenio, mediante o que a Xunta nos da unha cantidade que non é demasiado elevada, son 5.000 euros, e temos que contratar a unha persoa durante varios meses para que faga a labor de busca, formación e coordinación de voluntarios co obxectivo de que informen aos peregrinos que pasen por aquí sobre as alternativas para durmir e outros datos que poidan requerir do noso concello”.

Suárez Barcia engadiu que “no marco deste convenio, que está pensado sobre todo para xente nova, tódolos voluntarios por cada día que colaboren terán un tope de 12 euros de asignación; non é un salario, é unha cantidade para posibles gastos. Con esto que ninguén pense que pode sacar unha nómina nin moito menos, pero pode favorecer que sobre todo a xente moza se inscriba como voluntaria para participar neste programa, do que os interesados poden pedir máis información no Concello de Ribadeo e tamén na páxina do Voluntariado Xacobeo 2010”.

Exit mobile version