Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación de Gaiteiros Galegos celebra o XV Xantar Gaiteiro en Lalín

LALÍN .- A asociación de Gaiteiros Galegos celebra o XV Xantar Gaiteiro en Lalín o domingo, día 11 de abril. Esta entidade conta 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as  comarcas galegas e na Galiza exterior.

Nota de Prensa

A ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS CELEBRA EN LALÍN O XV XANTAR GAITEIRO

O vindeiro domingo 11 de Abril Lalín acollerá a numerosos gaiteiros e gaiteiras que encherán de música tradicional as rúas da cidade

A Asociación de Gaiteiros Galegos é a única asociación de persoas vencelladas á música tradicional que abrangue a todo o país galego

Lalín 11 de Abril de 2010. Un ano máis, a Asociación de Gaiteiros Galegos convida a todos os seus soci@s e persoas amantes da música tradicional galega ao Xantar Gaiteiro. O lugar escollido para a celebración desta XV edición é a cidade de Lalín, concretamente o restaurante Agarimo, onde os asistentes poderán disfrutar dun menú consistente en cocido galego e postres tradicionais como son as filloas, o leite fritido ou o queixo con marmelo.

O Xantar Gaiteiro é un encontro anual, organizado pola AGG, que vai pola súa 15ª edición e que cada ano se materializa nunha cidade ou vila, tratando de achegar esta celebración a todos os puntos da xeografía galega.  Segundo informou o presidente da AGG, Santiago Caneiro “dende a Asociación de Gaiteiros Galegos traballamos para cohesionar a ese enorme colectivo de persoas que levan anos traballando para normalizar a presenza da nosa música na sociedade, pretendemos que os sons dos nosos instrumentos tradicionais sexan habituais nas rúas, nos medios de comunicación social, nas festas, e en todos aqueles espazos físicos e temporais nos que a música ten cabida”. Con estas declaracións Santiago Caneiro fixo referencia á importancia de manter xuntanzas como o Xantar Gaiteiro que serven para poñer en contacto ás persoas que, dende distintos puntos do país, traballan co obxectivo común de espallar e conservar a música tradicional.

Para asistir a este xantar o único que hai que facer é poñerse en contacto coa Asociación de Gaiteiros Galegos a través do teléfono 986 84 70 74 ou do correo electrónico na dirección secretaria@gaiteirosgalegos.com

A ÚNICA ASOCIACIÓN, DE AMBITO GALEGO, CREADA PARA DEFENDER A DIGNIDADE DA MÚSICA TRADICIONAL
A AGG conta neste momento con 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as  comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país. A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.
A comezos da década dos 70 tiveron lugar en Ortigueira as primeiras xuntanzas de gaiteiros e artesáns coa común preocupación de unificar criterios deste gremio de profesionais. Pero foi o 28 de maio de 1988 cando Antonio X. Castro, Xosé Vicente Ferreirós (membro de Milladoiro), Xosé Fernández Costas, Xosé Álvarez Marías, Ricardo Santos, Xosé Domingos Fuciños, Xoan Dominguez Silvar, Xoán Xosé Fernández forman a primeira Xunta Xestora na que actuaría como presidente provisorio o finado e emblemático gaiteiro de Viascón Ricardo Portela.
As primeiras actuacións desta primeira xunta xestora foron dirixidas a estructurar o que hoxe é a AGG. Creáronse vocalías nas vilas e cidades galegas e comezouse unha campaña de implantación que acadou uns cento cincuenta socios entre gaiteiros, percusionistas, artesáns, musicólogos, investigadores e xente en xeral vinculada ao mundo da cultura galega. Así botaba a andar a única asociación de músicos tradicionais con implantación en todo o país galego.

Exit mobile version