Site icon Crónica3.com A Mariña

A Burela Blues Band celebra o seu quinto aniversario o venres cun concerto na Casa da Cultura

BURELA (FNC). A concelleira de Educación, Lucía Bouza, convida a todos os veciños de Burela a acudir o vindeiro venres 23 de abril ás 21:30 horas ao auditorio da Casa da Cultura para disfrutar do concerto de jazz que ofrecerá a Burela Blues Band para celebrar o seu quinto aniversario.

A edil socialista explica que “leva como lema a historia do jazz nun concerto, o que pretenden é que entendidos e profanos disfruten da evolución que sufriu este xénero ao longo da historia. O concerto tamén contará con artistas convidados que son o saxofonista de jazz e profesor en Estudio Escola de Santiago, José Nine; o trompetista e profesor no Conservatorio Superior de Música da Coruña, Abraham Cupeiro e grupo de percusión da Escola de Música Municipal de Burela”.

Bouza engade que “tal e como sinala o director da Burela Blues Band, Israel Arranz, con esta aposta musical a formación pon en escea o seu programa anual máis ambicioso ata o momento para por a guinda a máis de cinco anos de traballo. É unha homenaxe tamén ao jazz, aos que forman e formaron parte da Burela Blues Band e Israel quere agradecer a fidelidade do público que desde o seu inicio presenciou a madurez que a agrupación ía adquirindo”.

A concelleira de Educación destaca “o enorme esforzo realizado por Israel Arranz e por Roberto Bouza dende a fundación de dita a agrupación de jazz da Escola de Música, ten unha traxectoria imparable da que todos os bureleses nos debemos sentir orgullosos porque nos honra que aquel proxecto inicial que se chamaba Burela Blues que fora ideado por Israel e por Roberto no 2004 a día de hoxe está a ser obxecto de estudio e modelo noutros centros de música galegos”.

Día do libro

Por outra banda, Lucía Bouza, concelleira de Medio Ambiente, anunciou que “o centro de educación medio ambiental Gaia organiza desde o 16 e ata este venres 23 de abril unha actividade para conmemorar o día do libro que se celebra nesa xornada. Está pensada para todos os alumnos de 1º, 2º e 3º de primaria dos colexios Virxe do Carme e Vista Alegre e as monitoras fan un xogo para eles no que cada día van dando unhas pistas para que atopen personaxes de contos populares infantís”. Como premio pola súa participación cada neno recibirá un libro como agasallo.

Exit mobile version