Site icon Crónica3.com A Mariña

A depuradora e os colectores da Senra son froito dos veciños e do goberno de Cervo, aclara o alcalde

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valora o anuncio da Xunta da execución dunha depuradora e colectores para a mellora do saneamento da Senra a vez que recorda que é froito colectivo dos veciños e do goberno local.

Nota de Prensa

ALFONSO VILLARES AMÓSASE SATISFEITO POLO ANUNCIO DA XUNTA DA EXECUCIÓN DUNHA DEPURADORA E COLECTORES PARA A MELLORA DO SANEAMENTO DA SENRA

* O alcalde lembra que esta obra é froito colectivo dos veciños e do Goberno local

Cervo, 9 de abril de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosouse moi satisfeito polo compromiso adquirido hoxe polo Goberno galego no seu consello semanal e mediante o cal a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Cervo subscribirán un convenio de colaboración técnico-financieira por valor de 465.000 euros que posibilitará a execución das obras de saneamento da Senra.

En opinión do rexedor local, este anuncio supón “a constatación con feitos tanxibles” de que Xunta e Concello de Cervo “estanse a implicar na mellora das infraestruturas básicas dos habitantes deste municipio”. Neste senso Villares lembrou outras actuacións postas en marcha neste último ano, como son as obras de saneamento en Cervo, Sargadelos e Figueirido, ademais do da vila de San Ciprián.

Así  mesmo recordou que o saneamento da Senra foi un proxecto no que o Goberno local levaba varios anos traballando da man dos propios veciños deste núcleo de poboación “sen os cales non poderíamos ter acadado este resultado” recoñeceu  Villares.

“Ao longo destes anos mantivemos diversas reunións cos veciños ao obxecto de telos informados en cada momento de como estaban indo as negociacións coa Xunta e tamén recollemos as súas suxestións para mellorar o proxecto” indicou.

“Por iso, é especialmente satisfactorio comprobar que as xestións feitas diante dos actuais responsables da Xunta deron os seus froitos en escasos 12 meses”, asegurou Villares, engadindo tamén que o grupo de Goberno local seguirá traballando “para continuar mellorando e ampliando as infraestruturas básicas do noso concello como base para seguir medrando dun xeito harmónico e con garantías de futuro para o conxunto dos cervenses” concluíu.

Exit mobile version