Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación anuncia que investirá en Foz máis de 600 mil euros en novas obras

FOZ .-O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou no Concello de Foz que o organismo provincial investirá neste municipio máis de 600.000 euros en diversas obras.

Nota de Prensa

Gómez Besteiro anuncia novas obras en Foz por máis de 600.000 euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, trasladouse este xoves o Concello de Foz onde adiantou que o organismo provincial levará a cabo novas actuacións neste municipio por máis de 600.000 euros.

O titular do organismo provincial e o Alcalde deste municipo, José María Rivera, visitaron, na localidade de Vilaronte, a estrada que une Pequenete a Espiñeira. A anterior corporación provincial deixou licitado e contratado neste vial un proxecto para o acondicionamento de 400 metros, concretamente dende Reiriz a Espiñeira; pero non o executou porque non expropiaron os terreos.

A Deputación retoma e mellora esta iniciativa facéndose cargo do 100% da estrada. Deste xeito, Gómez Besteiro comprometeuse ó acondicionamento da súa totalidade, máis de 2,2 quilómetros. Para elo, o organismo provincial comezará a desenvolver o novo Plan Extraordinario de Obra Pública dotado con 60 millóns de euros, e dous días despois de aprobalo en Pleno. Os traballos, previsiblemente, suporán un desembolso de 500.000 euros, e contemplarán a mellora de toda a vía, a construción de beirarrúas, o saneamento e abastecemento de auga, a instalación de alumeado público de baixa tensión, así como o arranxo dunha ponte.

O Presidente salientou que “é unha obra completa que non se limita ós 400 metros que estaban previstos, e con sentido xa que o que non se pode facer é licitar e contratar unhas actuacións cando non hai terreos para acometelas. Vamos a expropiar e pagar ós veciños o que marque a lei, e logo financiar a obra”.

Pola súa banda, o rexedor municipal destacou que “hoxe é un día extraordinario para o Concello de Foz porque o Presidente comprometeu proxectos moi importantes. O anterior Goberno da Deputación comezou a casa polo tellado contratando unha obra discriminatoria que só atendía a uns poucos con 400 metros de mellora e sen expropiar os terreos. O diñeiro público hai que investido no interese xeral. Este si é o proxecto que queren os veciños desta parroquia”.

Ponte Cabana

Gómez Besteiro e o Alcalde deste municipio supervisaron ademais na localidade de Nois o estado da Ponte de Cabanas, unha estreita infraestrutura cuxos usuarios veñen demandando a súa mellora. Deste xeito, o Presidente anunciou que o organismo acometerá obras de ampliación por valor de 120.000 euros. Para elo, a Deputación, o Concello de Foz, e Feve firmarán un convenio onde as tres administracións asumirán o custe total destas actuacións.

Outros investimentos

O máximo mandatario provincial aproveitou a visita a Fóz para manter un encontro cos veciños da zona, e atender as súas demandas. Deste xeito, Gómez Besteiro indicou que a Deputación estudará o acondicionamento do centro social e o pavillón da parroquia de Cangas dentro do Plan de Comunidade Veciñais dotado de máis de 2 millóns de euros, un 10% máis con respecto ó ano anterior.

O organismo provincial, dentro da aposta pola máxima cooperación cos Concellos, subvencionou obras neste municipio, nas dúas últimas convocatorias deste Plan, por valor de 630.000 euros. É o caso do acondicionamento do vial que une o Chao da Liñeira a Vilacizal, unhas actuacións que supervisou o Presidente, e para as que a Deputación achegou 12.0000 euros.

Exit mobile version