Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra mañá cun festival o Día Internacional da Danza

RIBADEO (FNC) .- Este xoves, día 29 de abril, ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval, terá lugar unha nova edición do Festival de Danza da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo. Esta actuación enmárcase nos actos programados polo centro ribadense para conmemorar a celebración do Día Internacional da Danza. Unha oportunidade para que todas as alumnas que están matriculadas nesta disciplina podan amosar o traballo feito ao longo deste curso 2009/10. “Será un espectáculo no que se poderán comprobar as evolucións das alumnas matriculadas nunha das materias máis demandadas de todas cantas ofrece a EMMeD de Ribadeo”, sinalaron dende a dirección do centro.

Esta actividade será  a primeira dunha serie de audicións e concertos que ten programados a EMMeD de Ribadeo durante o mes de maio. Por elas pasarán todas as alumnas e alumnos do centro, de todas e cada unha das disciplinas que alí se imparten. As audicións celebraranse de luns a venres, entre os días 3 e 7 e máis do 10 ao 14 de maio, nas dependencias da EMMeD de Ribadeo, na Casa do Mar. No caso do concerto do día 4 de maio, das alumnas e alumnos de Iniciación á Música, a actuación será no Auditorio Municipal Hernán Naval. Grupos de frauta, clarinete, percusión, guitarra, piano, oboe ou corda, entre outros, serán os encargados de ofrecer esta serie de concertos que xa forman parte da programación de actuacións do centro ribadense.

Con este tipo de concertos a dirección da EMMeD de Ribadeo “quere posibilitar que as alumnas e alumnos matriculados gocen da oportunidade de demostrar en público o traballo que estamos facendo ao longo de todo o ano”. “Para as nenas e nenos é un xeito de ir adentrándose na dinámica de actuar en público, perder o medo ao escenario e ao mesmo tempo aprender a preparar o repertorio, tanto individual coma en grupo, para ofrecer un concerto”. Todas as actuacións son gratis e abertas a todo o público que queira asistir ás mesmas.

Exit mobile version