Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fundación TIC colabora nos encontros previos á entrega dos premios Mestre Mateo 2009

LUGO .- O Deputado provincial e Patrón da Fundación TIC, Juan José Díaz Valiño, inaugurou este martes o programa de encontros previos á entrega de Premios Mestre Mateo 2010, que organiza a Academia Galega do Audiovisual e no que colabora a Fundación TIC, dependente da Deputación. Ó encontro, que se celebra ó longo desta xornada no Pazo de San Marcos, asisten os alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro da provincia que imparte ensinanzas do eido audiovisual.

Díaz Valiño, que estivo acompañado por dous dos nominados á categoría de curtametraxe de ficción -Chema Gagino, por “O Elixido” e Iván Seoane por “O Noveno Principio”- destacou que “con esta iniciativa pretendemos que os profesionais da industria audiovisual, neste caso os candidatos ós Premios Mateo 2009, acheguen ós alumnos da nosa Escola as súas experiencias directas”. Lembrou que os estudantes da EIS tamén compartiron xornadas con outros profesionais de recoñecido prestixio como os lucenses Luis Tosar, Julio Fernández, Pedro Revaldería, María Hervera e Arturo Vaquero, ou cos directores Inmanol Uribe e José Luis Cuerda.

O responsable provincial lembrou que “o principal obxectivo da Fundación é a inserción laboral dos nosos alumnos, e o mundo do cine e a televisión é unha das saídas que teñen”. Dende a Fundación tamén se apoia os primeiros pasos dos alumnos no mercado de traballo coa colaboración, a través da súa participación, na rodaxe de películas como a curta “Triste soledad de un violinista” ou do documental “Garbo, Hitler…e Araceli”.

Mesas Redondas

O encontro en Lugo inclúe dúas mesas redondas. Pola mañá, debateuse sobre as curtas de ficción, e nela participaron os directores Chema Gagino e Iván Seoane. Pola tarde, o tema é a dirección de produción e estará composta polo directores de produción da serie de televisión “Padre Casares”, Alfonso Blanco, Paula Fernández e Ana Míguez, e do programa de televisión “A Caixa Negra”, Xabier Eirís.

Exit mobile version